“QUE VEXO NO YOUTUBE”, UNHA ACTIVIDADE PARA QUE O ALUMNADO FAGA UNHA ANÁLISE CRÍTICA SOBRE O QUE CONSUMEN NA REDE

13/01/2024

2023.

Alumnado do Ies de Poio participou hoxe no obradoiro “Que vexo no youtube”, dentro da campaña “A violencia machista vai contigo, que non te enr@den” organizada polo Concello de Poio para conmemorar o 25 de novembro. Ademais desta actividade, a Caravana Morada tamén estivo toda a mañá aparcada no patio do centro escolar para repartir material e información relacionada con estes contidos.

A través deste obradoiro, máis de un centenar de rapazas e rapaces de terceiro da ESO recibiron información e as directrices para que sexan capaces de facer unha análise crítica sobre os vídeos que consumen a través de youtube, proporcionándolles unha visión de xénero, reconstruíndo as mensaxes sexistas que reciben e propoñendo novos modelos baseados na equidade e no bo trato.

Segundo explica a concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, un número considerable de preadolescentes, adolescentes e mozos viven en constante conexión coas súas youtubers favoritas, mozos e mozas que soben os seus propios vídeos ás redes sociais, e nos que, ademais de falar sobre videoxogos, beleza ou outras cuestións, tamén inclúen a súas opinións persoais, moitas veces cargadas de roles e estereotipos sexistas.

Ademais, recordan que o 50% dos nenos e nenas de entre 11 e 13 anos viron pornografía en internet, por iso destacan a importancia da campaña deste ano, para intentar concienciar, formar e involucrar ás idades máis novas: “todos levamos un móbil no noso bolsillo, por iso a violencia machista pode ir con todos. É a nosa obriga que non nos enreden, que saibamos dar un bo uso das novas tecnoloxías”, destaca a concelleira.

A campaña do Concello de Poio xa comezou no mes de outubro e se desenvolverá ata o 20 de decembro, e este ano convida a facer unha reflexión crítica sobre o uso das novas tecnoloxías, en especial, entre os máis novos, e lembrar que hai que poñer normas e límites para facer un bo uso delas e redobrar os esforzos en educar en igualdade para previr as violencias. Por iso, céntrase especialmente en obradoiros, teatros e exposicións para concienciar aos máis novos. 

Así, a finais de novembro tamén se organizará un obradoiro sobre violencia nos videoxogos, cunha charla teatralizada para o alumnado de sexto de primaria de todos os colexios de Poio e no que unha psicóloga experta en xénero analizará, coa axuda do alumnado, os contidos dos videoxogos máis populares, debatendo sobre os valores, modelos e estereotipos ou roles de xénero que transmiten. Xa en decembro, o instituto acollerá a exposición “Chicas Nuevas 24 horas”, baseada no documental do mesmo nome da directora e documentalista Mabel Lozana, no que se denuncia o negocio que xera a explotación de mulleres e nenas así como a pornografía.

VÍDEO INSTITUCIONAL E CAMIÑO VIOLETA

Os máis novos tamén son protagonistas do vídeo institucional que se vai emitir o próximo domingo, 26 de novembro, durante a andaina Camiño Violeta. Nas redes sociais do Concello de Poio xa se pode ver un adianto, no que alumnado de secundaria conta as súas propias experiencias, pero o vídeo completo proxectarase o domingo. 

Para ese día, o Concello de Poio organiza, en colaboración con ASAMPO, unha andaina para sensibilizar sobre a violencia machista que parte do Parque da Memoria ás 9.00 horas, para chegar a Lourido ás 10.30 horas aproximadamente e será, nese momento, cando se proxectará a peza audiovisual da campaña e se lerá o manifesto do Consello Municipal da Muller, para rematar cunha actuación musical. A segunda parte da andaina transcorrerá entre Lourido e Pontevedra, facendo un percorrido de 1,7 km que inclúe a zona monumental e remata na Praza de España.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio