Punto limpo móbil, Centro de Día e actividades que impulsen a vida en Campelo, algunhas das inquedanzas que trasladan a Ángel Moldes

08/10/2024

Aproximadamente quince persoas participaron esta mañá na iniciativa “O alcalde, máis preto de ti”. A próxima cita será o mércores, 16, na Casa do Campo en Combarro.

Ángel Moldes trasladouse esta mañá ata o local social de Campelo para atender á veciñanza a través do programa de participación “O teu alcalde, máis preto de ti”. Ao longo da mañá, entre as 10.00 e as 13.00 horas, achegáronse unha quincena de persoas para falar directamente co rexedor e trasladarlle algunhas das inquedanzas e propostas para mellorar a calidade de vida da veciñanza deste lugar.

Entre algúns dos asuntos tratados hoxe inclúense a necesidade de ampliar as prazas de aparcamento en Campelo e na contorna do colexio de Lourido, a organización de actividades e eventos que impulsen e enchan de vida o lugar así como a posibilidade de trasladar o punto limpo móbil do Concello de Poio ata a Praza da Granxa algún día ao mes, para facilitar a reciclaxe. Ademais, a maior parte dos veciños tamén amosaron a súa curiosidade polo futuro Centro de Día de Poio, que se vai instalar na antiga gardería de Campelo. Moldes recordoulles que, unha vez comprado o local e tras desafectar o seu uso, xa está en negociacións con outras administracións para que este servizo tan demandando e importante sexa unha realidade o antes posible.

Para o alcalde, todas estas propostas reflicten a realidade e as necesidades que hai en Campelo. “Son os veciños e as veciñas de cada lugar quen coñece mellor as carencias e cales son as actuacións que poden mellorar o seu día a día, e por iso para nós, como Goberno, é fundamental escoitalos”. Precisamente, inciden en que o obxectivo desta iniciativa, que traslada a Alcaldía a cada lugar e parroquia do municipio como mínimo unha vez ao mes, é dar voz e participación ás veciñas e veciños. “Preto de quince persoas achegáronse para facernos propostas totalmente construtivas, propostas realistas e ás que queremos ir ofrecendo solucións pouco a pouco”, engadiu.

“O alcalde, máis preto de ti” é un programa de participación cidadá que pretende achegar a administración local e a atención aos veciños de todas as parroquias. Busca fomentar o contacto directo coa veciñanza, trasladando a Alcaldía desde San Xoán a San Salvador, Campelo, Combarro, Samieira e Raxó.

Como mínimo unha vez ao mes Moldes desprazarase a espazos municipais en todas as parroquias. A seguinte cita é en Combarro, o mércores 16, de 10.00 a 13.00 horas. Ademais, no Espazo Municipal de Tarrío, en Samieira, atenderá o xoves 24; e no Centro Cultural Xaime Illa, en Raxó, o mércores 30 de outubro. Son reunións individuais para as que non é preciso solicitar cita previa. O calendario de novembro darase a coñecer nas semanas próximas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio