Formalizouse a compra do terreo a finais do ano pasado, para dar resposta así a unha demanda veciñal. Financiarase con cargo ao Plan provincial de infraestruturas deportivas da Deputación de Pontevedra, a través do que tamén se solicitou financiamento para substituír a cuberta do club piragüismo Poio, en Combarro.
O Concello de Poio creará unha pista multideporte en Vilariño, un proxecto que conta cun investimento de 135.000 euros e que se financiará con cargo ao Plan provincial de infraestruturas deportivas da Deputación de Pontevedra.
O proxecto inclúe peche perimetral, porterías de balonmán e fútbol sala, canastras de baloncesto, rede para pista de tenis, voleibol ou bádminton, ademais de céspede fibrilado ideal para uso da cativada, iluminación con tecnoloxía LED e cumprimento de todas as normativas de seguridade para ofrecer aos usuarios un espazo seguro, de calidade e versátil para a práctica de diferentes modalidades deportivas.
Esta nova área de lecer e de ocio instalarase na parcela que o Concello de Poio adquiriu a finais do ano pasado na rúa Vilariño de Abaixo, unha localización céntrica ao carón dun pequeno parque infantil, unha fonte, un lavadoiro e un cruceiro.
O alcalde, Ángel Moldes, recorda que “a veciñanza de Vilariño leva moito tempo esperando por novas infraestruturas lúdicas e moi pronto este proxecto xa vai ser unha realidade”. Con este investimento, engade, “estamos dando resposta a un dos nosos compromisos de Goberno. Dixemos que Vilariño necesitaba máis espazos de esparcemento, e moi pronto será un feito”.
Ademais deste proxecto, o Concello de Poio tamén destinará fondos do Plan provincial de Infraestruturas Deportivas a substituír a cuberta da nave do Club Piragüismo Poio, en Combarro, un proxecto co que se vai dar solución aos graves problemas de filtracións que acumula a instalación desde hai décadas e que dificultan a práctica deportiva no seu interior. Neste caso, o orzamento superará os 50.000 euros.
APOSTA POLA MELLORA DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS
A creación desta pista multideporte en Vilariño e a substitución da cuberta da nave de piragüismo súmanse a outros proxectos executados polo Concello de Poio para mellorar as instalacións deportivas municipais. Así, recordan que recentemente tamén se puxeron en funcionamento dous novos vestiarios no campo de fútbol da Seca, inaugurouse a pista pump-track, melloráronse problemas de condensación no pavillón de Lourido, ampliouse o horario e os controis de acceso ao ximnasio municipal.