Preto de 14.000 euros para cofinanciar os comedores escolares de Poio no segundo trimestre do curso

26/05/2026

Outórgase unha axuda de 2 euros por comida e alumno que permite reducir a tarifa que pagan as familias por este servizo de conciliación. Ángel Moldes subliña que o compromiso do Goberno “é seguir reforzando estas medidas para que ningunha familia teña que renunciar ao comedor escolar por motivos económicos e para que o acceso a este servizo esencial sexa cada vez máis asumible para todos”.

O Concello de Poio destina preto de 14.000 euros para cofinanciar os comedores escolares do municipio durante o segundo trimestre do curso 2025-2026. Trátase dunha axuda de 2 euros por neno e menú que permite reducir de xeito significativo o prezo que pagan as familias por este servizo de conciliación, cun aforro medio aproximado de 42 euros ao mes.

No caso dos comedores dos CEIP de Lourido e Chancelas, nos que se serviron 2.330 e 2,270 comidas respectivamente en cada centro entre os meses de xaneiro e marzo, a axuda ascende a 2.330 e 2.270 euros en cada caso. Pola súa banda, a ANPA do CEIP Isidora Riestra, con 1.224 menús servidos durante este período, recibe unha achega de 2.448 euros. Por último, o comedor do colexio de Espedregada, en Raxó, que se estreou este curso, repartiu 778 comidas, polo que a axuda municipal neste caso é de 1.556 euros.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, que visitou xunto á concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, o comedor escolar do CEIP de Espedragada posto en marcha este curso, subliña que “as axudas municipais ao comedor escolar son unha ferramenta fundamental para apoiar ás familias, facilitar a conciliación e aliviar un gasto importante no día a día de moitos fogares”. Así, recorda que o compromiso do Goberno “é seguir reforzando estas medidas para que ningunha familia teña que renunciar ao comedor escolar por motivos económicos e para que o acceso a este servizo esencial sexa cada vez máis asumible para todos”.

Segundo o convenio anual asinado entre o Concello de Poio e as ANPAS dos centros educativos, que son quen xestiona os comedores escolares, esta achega económica concédese por cada comida servida e alumno usuario do comedor escolar. O importe da axuda incrementouse desde o pasado mes de marzo, ao pasar de 1,50 a 2 euros por menú. Estes 14.000 euros súmanse aos 16.000 euros que xa se abonaron no primeiro trimestre.

O pagamento destas axudas realízase directamente ás ANPAS, que repercuten o importe no prezo que cobran ás familias polo uso do comedor escolar, ben sexa por días soltos ou de maneira continuada.

Na actualidade, os comedores escolares de Poio contan con máis de 200 nenos e nenas inscritos, unha cifra que pode variar ao longo do curso en función das necesidades de cada fogar.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio