Os traballos inclúen o desbroce do perímetro de cada lavadoiro, e a limpeza en profundidade de tellados e superficies, así como a revisión xeral de cada estrutura para garantir o bo estado de conservación.
O Concello de Poio está desenvolvendo un plan integral de limpeza, mantemento e posta a punto dos lavadoiros municipais distribuídos por todo o concello. Unha actuación que ten como obxectivo principal preservar estes espazos tradicionais, cun grande valor histórico e popular, para mantelos en óptimas condicións tanto para o uso veciñal como para a súa integración na paisaxe.
Os traballos inclúen o desbroce do perímetro de cada lavadoiro, e a limpeza en profundidade de tellados e superficies, así como a revisión xeral de cada estrutura para garantir o bo estado de conservación. Algúns dos 40 lavadoiros incluídos no plan son os de Samieira, Campelo, Lourido, Andurique, Raxó, Samieira, Arén, Ucha, Fontenla, Arís, Vilariño, O Sartal, O Muíño, Viñas, Liñares, A Seca, Casalvito, Combarro, A Seara, Casal, Lourido, Combarro, entre outros.
“Poio conta cun grande número de lavadoiros repartidos por todas as parroquias, construcións populares que non só forman parte da nosa paisaxe, senón que son parte esencial da nosa cultura e da memoria colectiva. Son máis que espazos para o lavado, foron lugares importantes de encontro e de socialización dos nosos maiores, e por iso é importante recuperalos, coidalos e mantelos, porque forman parte fundamental da nosa historia”, sinala o alcalde Ángel Moldes.
Así, asegura que con esta actuación o Concello de Poio reafirma o seu compromiso coa conservación e posta en valor do patrimonio municipal e a mellora da contorna natural.