Esta reforma integral permitirá resolver o avanzado estado de deterioro do actual parque infantil, ampliar a súa capacidade e facelo inclusivo e máis atractivo.
Un parque infantil temático sobre Cristóbal Colón en Ánkar, esta é a nova área de xogo que vai crear o Concello de Poio e que contará con aproximadamente 300 metros cadrados para acoller, entre outras pezas, unha réplica da embarcación Santa María, con elementos de xogos integrados.
Un proxecto que xa conta con financiamento, 160.000 euros a través do plan +Provincia que foi aprobado esta semana na Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra, e coa autorización de Costas do Estado, neste caso xa cunha resolución favorable desde o mes de setembro. O alcalde, Ángel Moldes, amosouse satisfeito porque este parque vaia ser unha realidade este mesmo ano, e explicou que a partir de agora comeza o proceso administrativo para sacar a concurso o proxecto, que si non hai imprevistos, podería estar adxudicado en dous meses. “Desde o Goberno somos conscientes de que o noso concello está medrando, con familias que necesitan servizos e espazos que melloren o seu benestar, con áreas de ocio e de esparcemento cómodas, atractivas e de calidade”, sinala.
O novo parque de Cristóbal Colón contará con dous barcos, unha réplica da embarcación da Santa María na que o navegante descubriu América, e unha embarcación pequena, adaptada especificamente para menores de 6 anos. No caso da réplica da Santa María, estará constituída por zonas de diferentes alturas e terá integrados tobogáns, paneis trepadores, escalada, hamaca cama, timón, telescopio, mapa de tesouro ou creba cabezas, entre outros. A maiores, na área de xogo ademais dos das dúas embarcacións instalaranse tamén columpios, incluídos para bebés e inclusivo, xogo xiratorio de temática náutica…
Esta reforma integral do parque infantil de Ánkar permitirá, non só resolver o avanzado estado de deterioro do actual parque infantil, senón que tamén permitirá ampliar a súa capacidade e facelo moito máis atractivo e inclusivo. “Queremos aproveitar que a escasos metros deste lugar se atopan a Casa Museo de Colón e a Cruz de Colón, para ofrecer á cativada un parque diferente, dando maior valor cultural ao parque de Ánkar”.
APOSTA POLA CALIDADE E MANTEMENTO DOS PARQUES INFANTÍS
Ademais da remodelación integral do parque de Ánkar, no último ano desde o Concello de Poio tamén se traballou e priorizou o mantemento e arranxo doutras áreas de xogos no municipio. Así, ademais da reforma integral do parque infantil de Chancelas, tamén se realizaron labores de mantemento e posta a punto dos parques de Combarro ou A Caeira, ampliouse a zona da Seca con máis xogos infantís e a creación dun circuíto pump-track e creouse un parque biosaudable en Arén. A maiores, tamén está proxectada a creación dunha pista multideporte en Vilariña, e están avanzando nos proxectos para mellorar a zona de xogos de Lourido e para dotar a Samieira dun “moi necesario e demandado” parque infantil.