Poio volverá estar presente en Fitur amosando “as distintas facetas” dun destino único e de calidade para visitar os 365 días do ano

20/01/2025

O municipio terá un espazo promocional permanente na avenida principal de IFEMA e diante do pavillón de Galicia, onde destacará a súa oferta en turismo gastronómico, xacobeo, natural e deportivo, ademais do material informativo que se repartirá durante o evento.

Poio volverá estar presente, por segundo ano consecutivo, na Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se celebrará do 22 ao 26 de xaneiro en Madrid.

Nesta edición, o Concello de Poio terá un espazo promocional propio permanente, situado na entrada principal xunto ao pavillón de Turismo de Galicia, onde amosará “as distintas facetas” dun destino “único e de calidade para visitar os 365 días do ano”, explica o alcalde, Ángel Moldes. “Unha campaña publicitaria potente, coa que enxalzar os sentimentos que se poden espertar nas estancias no noso municipio aos milleiros de visitantes que cada edición se achegan a Fitur”, engade.

Así, o expositor, ubicado nun lugar de paso obrigado, destacará mediante imaxes algúns dos eixos da oferta turística de Poio, como o turismo gastronómico, o relacionado coas variantes xacobeas, o natural e o relacionado coas actividades deportivas. “Somos unha das grandes referencias gastronómicas de Galicia, grazas á calidade da nosa restauración, a nosa hostalería e os nosos produtos”, indica Moldes; “a variante espiritual do Camiño Portugués e a ruta do Padre Sarmiento atraen cada vez a máis peregrinos que namoran de todo o que descobren en Poio”.

“O turismo natural e sostible está a converterse tamén nunha das nosas sinais de identidade, con catro sendeiros azuis, infinidade de recunchos nos que perderse e xoias como Tambo ou o Monte Castrove”, continúa, rematando cunha referencia ao “turismo deportivo, no que Poio está a cobrar cada vez máis protagonismo e que neste 2025 nos traerá a enorme proxección, a emoción e a dinamización dunha etapa de La Vuelta”.

Pola súa banda, a concelleira Rocío Cochón destaca que Poio “aínda ten moito recorrido para seguir avanzando nun turismo desestacionalizado, diversificado, sostible e de calidade… e Fitur é un dos mellores lugares onde traballar por ese obxectivo”, con accións promocionais que poden chegar aos 250.000 visitantes que se prevén esta edición.

Por iso, ademais desta acción publicitaria de gran visibilidade, Poio tamén conta con material informativo específico para a feira, que estará a disposición do público no stand de Galicia, que nesta edición, co lema “Xa estás en Galicia”, dará protagonismo á biodiversidade, a sostibilidade e a calidade que ofrece a comunidade como destino, e que un ano máis volverá ser un dos stands máis buscados da feira.

Entre o mércores e o xoves, ademais, Moldes e Cochón participarán en distintas presentacións e actos institucionais, e manterán unha intensa axenda de traballo propia para avanzar nos obxectivos turísticos e construír sinerxias con entidades, empresas e outros axentes presentes na feira.

Entre as actividades previstas, inclúense a participación nas presentacións de Turismo de Galicia, o mércores ás 11:45 horas, e de Turismo Rías baixas, o xoves ás 12:30 horas, diversas reunións axendadas dentro e fóra do recinto feiral “para seguir traballando polo turismo, que é tanto como traballar por Poio”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio