Natividad Torres explica que o servizo resulta “fundamental para garantir unha alimentación axeitada e mellorar a calidade de vida das persoas maiores ou con problemas de mobilidade ou dependencia”.
O Concello de Poio solicitou ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar ampliar o programa Xantar na Casaata as 20 persoas usuarias, tras quedar cubertas as sete prazas actualmente dispoñibles no municipio.
A concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, explica que o servizo resulta “fundamental para garantir unha alimentación axeitada e mellorar a calidade de vida das persoas maiores ou con problemas de mobilidade ou dependencia”.
Na actualidade, as prazas recollidas no convenio asinado en 2009 están xa completas, o que leva ao Concello a solicitar a sinatura dun novo acordo que permita ampliar o número de persoas beneficiarias.
Torres destaca que “no noso concello contamos cunha poboación cada vez máis envellecida, con situacións de soidade e maiores necesidades de apoio social”, polo que considera necesario reforzar este tipo de servizos.
Durante o ano 2025, o programa permitiu entregar arredor de 1.500 menús a domicilio. Este servizo garante unha dieta equilibrada e adaptada ás necesidades de cada persoa, ao tempo que facilita que poidan permanecer no seu fogar con maior autonomía.
O servizo “Xantar na Casa”, desenvólvese a través dun convenio asinado coa Xunta de Galicia, e inclúe a entrega periódica de menús variados e supervisados desde o punto de vista nutricional directamente no domicilio das persoas usuarias.