Poio reúne á súa Mesa local de seguridade

09/04/2025

A Mesa local de seguridade de Poio, na que se atopan representados todos os corpos de seguridade que actúan no municipio, reuníuse esta mañá  para abordar de maneira conxunta diversos temas relacionados coa seguridade.

Estiveron presentes o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, o alcalde de Poio, Ángel Moldes, as concelleiras de Seguridade Cidadá e de Igualdade e Benestar, Maritxe González e Natividad Torres, o asesor do subdelegado, Anxo Barros, o Tenente Coronel 2º xefe da Comandancia de Pontevedra, Óscar Grañas, o inspector xefe accidental da Policía Local de Poio, Antonio Duarte, e a directora do Centro de Información á Muller, Raquel Morales, así como representantes de ambos corpos de seguridade.

A Mesa centrouse na análise da seguridade en Poio e nos procedementos de colaboración, coordinación e cooperación entre os corpos e forzas de seguridade con presenza no municipio. Un dos puntos que se incluíu na reunión, foi a análise da implantación e seguimento do Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e no seu entorno.

Ademais, tamén analizaron a situación actual da violencia machista no municipio e fixeron seguimento do convenio Viogén en busca das mellores opcións para garantir en todo momento a máxima protección das vítimas.

Moldes agradeceu a “colaboración continua” do subdelegado do Goberno co Concello de Poio, “unha disposición e sensibilidade que favorece de xeito directo aos veciños do noso municipio”. Ademais, destacou que “Poio é un concello seguro” e puxo en valor a colaboración constante das forzas e corpos de seguridade do Estado co municipio.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio