Poio reserva fondos para a mellora integral do parque Costa Xiráldez, construír baños públicos en Cabeceira e o proxecto de humanización en Campelo

11/06/2025

Ángel Moldes: “A nosa primeira opción era utilizar directamente os 2,4M€ de superávit para mellorar a vida e os servizos da cidadanía, pero ante a imposibilidade de facelo polos impedimentos do Goberno central, vímonos na obriga a apostar por unha alternativa que, ademais de garantir a execución de proxectos e investimentos, tamén ofrece condicións máis vantaxosas”.

O Goberno local reserva preto de 700.000 euros para executar tres actuacións claves para o municipio: a rehabilitación integral do parque Costa Xiráldez, crear baños públicos na praia Cabeceira e para a aportación municipal á humanización de Campelo, dentro da súa aposta por mellorara a calidade de vida e os servizos que presta á veciñanza.

Estes investimentos forman parte dunha operación de crédito de 900.000 euros que se traslada a próxima semana á Comisión de Facenda, e que tamén contemplan actuacións adicionais no espazo de coworking da Seca e outros investimentos.

O alcalde, Ángel Moldes, explica que o Concello de Poio viuse obrigado a buscar fórmulas alternativas que permitan transformar os 2,3M€ do superávit de 2024 en investimentos reais, tras todas as limitacións impostas polo Goberno central.

“O Goberno central está bloqueando que os concellos utilicemos estes cartos que son dos cidadáns en proxectos financeiramente sostibles, unha decisión incomprensible que nos impide seguir avanzando con recursos que xa son dos nosos veciños”, sinala.

Como alternativa, o Concello de Poio decidiu amortizar parcialmente un dos préstamos vixentes, que tiña un interese do 3,6% e formalizar unha nova operación cun interese máis baixo e, polo tanto, tamén máis favorable, cun tipo máximo do 2,8%. “Supón unha operación moi boa porque seguimos tendo menos débeda, imos pagar menos intereses e, o mellor de todo, imos poder materializar os proxectos e investimentos para os veciños”.

Esta decisión non só mellora as condicións financeiras do municipio, senón que garante tamén a execución de proxectos que son fundamentais para os veciños. “A nosa primeira opción era utilizar directamente os 2,4M€ de superávit para mellorar a vida e os servizos dos nosos cidadáns, pero ante a imposibilidade de facelo, adoptamos por unha alternativa que, ademais de garantir a execución de proxectos e investimentos, tamén ofrece condicións máis vantaxosas”.

Con esta operación, o goberno local reafirma o seu compromiso para xestionar de maneira responsable e eficiente os recursos públicos, priorizando investimentos que impacten directamente no benestar da veciñanza.

Para a rehabilitación integral do Parque Costa Xiráldez, o Concello de Poio destinará 204.000 euros, e supón unha aposta por seguir mellorando as áreas de xogo e lecer para as familias que hai no municipio. Tamén en Lourido, na praia Cabeceira, construiranse uns baños públicos, para os que se reserva unha partida de 45.000 euros. Preto de 440.000 euros se destinarán para a humanización entre A Seara e Campelo, dentro da achega que o Concello de Poio ten que facer tras o convenio asinado coa Deputación de Pontevedra. Con respecto ao resto de fondos, destinaranse tamén para outros pequenos investimentos, así como para resolver “problemas herdados” con actuacións adicionais no espazo coworking da Seca, ao pago dunha sentencia por usurpación dun terreo e demolición de cabaña sen autorización do propietario en 2019 no camiño de Vilanova ou pago a Covsa tras outra sentencia que revisaba os prezos de obras executadas no anterior mandato, entre outros.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio