Poio promoveu iniciativas públicas e privadas que captaron case 400.000 € de fondos europeos a través do GALP Ría de Pontevedra

27/03/2026

O concello pon en valor o “impacto moi positivo” desta entidade sobre a economía e a identidade de Poio, e destaca o reforzo da súa presenza coa apertura dunha sede propia na Casa Rosada. Iniciativas impulsadas desde o Concello, como o Punto de Información ao Peregrino, as Xornadas Técnicas da Ameixa ou a formación en Turismo Patrimonial, e tamén por pemes, autónomos e colectivos “representan unha colaboración valiosísima para nós e para todo Poio”, que continuará “cada vez con máis forza”.

O Concello de Poio foi un dos municipios máis dinámicos da ría de Pontevedra na promoción de proxectos ao abeiro do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA) , con case 400.000 euros en iniciativas públicas e privadas que recibiron financiamento a través dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP).

Foi a conclusión dunha reunión recente para avaliar os resultados da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa (EDLP) dos GALP entre 2023 e 2025, unha estratexia que mobilizará máis de 5,6 millóns de euros ata 2027. Os fondos están destinados a impulsar o desenvolvemento sostible nas zonas costeiras, e aspiran a diversificar as economías dos concellos, poñer en valor os recursos mariño e culturais e reforzar a súa identidade no seu ámbito de actuación, que inclúe, ademais de Poio, Pontevedra, Marín, Sanxenxo, Bueu e Meaño.

A concelleira de Turismo e Urbanismo, Rocío Cochón, que participou nesta reunión de avaliación, destacou as 8 iniciativas impulsadas no concello de Poio -procedentes do sector público e do privado- que acadaron un financiamento total de 386.132 euros.

Entre as iniciativas financiadas en Poio, Cochón quixo destacar as promovidas polo concello, como as xornadas de formación sobre Tambo e Combarro, “que permitiron formar a 45 novas persoas en turismo e patrimonio relacionado con estas dúas xoias do noso concello”, ou o Punto de Punto de Información ao Peregrino instalado recentemente, un tótem interactivo para mellorar a experiencia dos máis de 35.000 peregrinos que percorren as Variantes Xacobeas do Concello e maximizar o seu impacto na economía local.

Tamén resaltou a a celebración das Xornadas Técnicas da Ameixa, en outubro de 2025, centradas en garantir o futuro sostible do marisqueo na ría, e que foi a iniciativa mellor valorada pola xunta directiva do Galp entre as promovidas en toda a comarca, e cuxos resultados foron entregados ao Goberno galego en datas recentes.

Así mesmo, indicou que, dos proxectos impulsados por pemes, autónomos e colectivos, destacan a mellora do material para o coidado dos bancos marisqueiros, actuacións en establecementos no litoral, iniciativas de Turismo Mariñeiro, e outras para dinamización económica das áreas litorais do concello, con especial énfase na economía azul, o desenvolvemento sustentable e a creación do emprego, todo vencellado ao mar.

Cochón expresou o agradecemento do Goberno local pola colaboración que atopamos en todo momento nos GALP e no seu persoal. Ademais, destacou o reforzo da presenza, coa apertura dunha sede propia na Casa Rosada, en San Salvador, o que consolida Poio como punto de referencia para a difusión de fondos europeos e as iniciativas vencelladas á economía azul.

Finalmente, resaltou o papel clave destes fondos europeos para impulsar proxectos transformadores e reafirmou o compromiso do Goberno local de seguir colaborando co tecido socioeconómico para aproveitar ao máximo as oportunidades que ofrece o GALP, en colaboración co sector e a Consellería do Mar, en beneficio de Poio e da ría de Pontevedra.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio