Ángel Moldes: “Vimos dun lugar único en pleno corazón das Rías Baixas. Temos moitísimo que ofrecer ao mundo e o mundo está aquí”.
“Poio é máis que un destino, é unha emoción que se sinte e se vive”. Así presentou o alcalde, Ángel Moldes, a Poio na xornada inaugural da Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se desenvolve en Madrid ata o domingo. “Un destino completo, diverso e único, para desconectar, vivir experiencias auténticas e deixarse levar por paisaxes máxicos”.
Foi durante a presentación de “Combarro – Poio: Pobo Máxico”, no stand de Pueblos Mágicos de España situado no pavillón 7, e que contou coa presencia do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e da concelleira de Turismo, Rocío Cochón.
A presentación incluíu a proxección dun vídeo promocional con imaxes de Combarro e de distintos recursos turísticos do municipio. Na súa intervención, Moldes resaltou que “Combarro é maxia”, un feitizo que entre outros efectos fai que “o tempo pareza terse detido”, e subliñou que a vila mariñeira “unha das máis emblemáticos e visitadas de Galicia” forma parte de algo moito maior: Poio, un lugar único en pleno corazón das Rías Baixas.
O rexidor puxo en valor todas as experiencias que calquera visitante pode vivir sen saír do municipio os 365 días do ano e destacou que “todo convive de forma harmónica”. Seguidamente, enumerou algunhas das razóns que fan de Combarro un lugar único en Galicia e en España, como as palleiras, a arquitectura tradicional, a identidade mariñeira, os cruceiros, a gastronomía ou o carácter “vivo” do pobo.
Finalmente, fixo un repaso ao resto de parroquias poienses “que xuntas conforman un destino completo e diverso”, do que destacou as máis de 20 praias e calas, a natureza e o Bosque de Colón, os sendeiros azuis, o liderado gastronómico ou as variantes xacobeas.
Mencionou ademais as vilas mariñeiras, a Illa de Tambo “e unha axenda cultural activa, unha ampla oferta de ocio e deporte e unha aposta polo turismo natural e sostible”.
Poio e os seus atractivos turísticos estiveron máis presentes que nunca na xornada inaugural da feira, na que o municipio está presente con entidade propia por terceiro ano consecutivo.
A delegación municipal desvelou xa a primeira hora o espazo promocional permanente instalado polo concello nun lugar estratéxico: na avenida principal do recinto, á entrada do Pavillón 7, xunto ao stand de Galicia.
Este ano, o espazo promocional, visible desde todos os ángulos, amosa en cada cara algunha das fortalezas do concello como destino turístico de calidade para visitar durante todo o ano. Así, presenta un percorrido visual pola natureza de Poio, representada polo Bosque de Colón; o patrimonio, co Conxunto Histórico-Artístico de Combarro como gran referente; o mar, poñendo en valor a paisaxe litoral con Tambo ao fondo, no corazón das Rías Baixas; e, finalmente, a gastronomía, representada pola imaxe das mariscadoras traballando a pé de ría, símbolo da calidade do produto local.
O display publicitario, situado nunha zona que atravesarán os 250.000 asistentes á feira, foi obxecto das miradas de curiosos, profesionais e autoridades durante toda a xornada. Moldes agradeceu o interese e subliñou que a campaña consiste de “catro imaxes potentes que resumen catro das experiencias que esperan aos que visiten o noso municipio en calquera momento do ano”.
Ao longo da xornada, Moldes e Cochón asistiron aos actos organizados por Turismo de Galicia, a Deputación de Pontevedra e outras institucións no pavillón de Galicia, e mantiveron contactos con empresas e profesionais nacionais e extranxeiros.
A axenda continuará o xoves 22, cando a concelleira Rocío Cochón manterá distintas reunións e actividades, como a presentación da Campaña de Turismo Rías Baixas “A túa meta, o teu destino”.
Ademais de no expositor municipal, os visitantes a Fitur poderán obter información sobre Poio no mostrador do stand de Galicia, onde cada ano é un dos destinos máis demandados.
“Esta é a terceira edición consecutiva na que Poio ten presenza propia e entidade en Fitur. Non podía ser doutra maneira. Temos moitísimo que ofrecer ao mundo e o mundo está aquí”, indicou Moldes.