POIO PRESENTA PARA 2024 UN ORZAMENTO “DE TRANSICIÓN, CO QUE SANEAR AS CONTAS SEN RENUNCIAR Á CALIDADE DOS SERVIZOS”

14/01/2024

2023.

O Goberno do Concello de Poio presenta un orzamento “de transición” para o ano 2024, co que sanear as contas sen renunciar a garantir a prestación e calidade dos servizos municipais para a veciñanza: “Só así conseguiremos comezar unha época nova, con maior estabilidade, maior confianza e, polo tanto, tamén maior crecemento para o noso concello”, sinala o alcalde, Ángel Moldes. O documento, que ascende a 14,7 M€, inclúe de xeito equilibrado a totalidade dos ingresos e gastos previstos e respecta o obxectivo de estabilidade orzamentaria. 

“É un orzamento realista, responsable e prudente”, engade Moldes. “Realista porque parte da análise das necesidades e prioridades dos nosos veciños, responsable porque non se esquece de asumir o importante desafío que este novo Goberno ten por diante, que é dar resposta a unha realidade económica herdada e que está comprometendo de xeito directo a xestión municipal diaria e, polo tanto, tamén o orzamento de 2024, e prudente, porque este Goberno aposta pola planificación, a contención e a eficiencia no gasto público”. Precisamente, estes son os catro piares sobre os que o Goberno local baseou o documento: “o benestar e a atención ás persoas, a mellora da calidade dos servizos públicos, optimizar os recursos para facer máis con menos e reducir a importante débeda que soporta o concello”.

Con todo, adianta que “este exercicio de responsabilidade” para abonar as débedas que o Concello de Poio ten con autónomos e pequenas empresas “faise sen que repercuta nin aumente a presión fiscal sobre as familias”. Ao contrario, recorda que o Goberno local xa anunciou a primeira baixada de impostos e taxas deste mandato, a primeira tamén que se recorda nos últimos 18 anos e que será efectiva nos recibos da viñeta do coche e dos vados do ano 2025. Unha baixada que, indica, “continuará en canto se consigan abonar e liquidar as facturas pendentes para non poñer en risco a prestación dos servizos básicos”.

O plan do novo Goberno para reducir as débedas pasa, en primeiro lugar, por ir pagando as facturas que aínda hai pendentes con autónomos e pequenos empresarios. “Nos últimos seis meses do ano abonáronse xa 700.000 euros con cargo a un préstamo bancario e varias modificacións de crédito, pero aínda quedan facturas por abonar de investimento e de gasto corrente”. Por iso no capítulo 6, consígnase crédito para atender eses investimentos pendentes de aprobación, tanto facturas recibidas que non contaban cos correspondentes expedientes de contratación ou autorización de gasto, como para aprobar certificacións finais de obras executadas en 2023 pero que carecía igualmente de crédito unha vez rematada a execución do proxecto inicialmente contratado: as liquidacións de obra para a humanización en Arén-Samieira, mobilidade sostible no ámbito de Saíñas e Puntada ou o acondicionamento e seguridade peonil fronte costeiro en Raxó. Tamén se dota de crédito para sufragar aportacións municipais a proxectos iniciados en 2023 pero que non foron executados durante este ano, como por exemplo a rehabilitación do local social de Arén ou a actuación de impermeabilización da Casa-Museo Colón, así como para atender a correspondente anualidade do convenio subscrito coa sociedade estatal ACUAES para o proxecto de abastecemento de Pontevedra e a súa ría. Para gastos e facturas de 2023 destinarase o 70% desa operación de crédito de 783.832,29 euros, e o resto reservarase para atender investimentos varios na rede de estradas, abastecemento ou outros servizos municipais. “Non nos gustan as débedas con bancos, pero gústanos menos as débedas cos provedores, empresas e autónomos. E este é o camiño necesario para comezar a sanear as contas do concello”, apunta.

Por áreas, os Servizos Sociais e Igualdade reservan 1,56M€, entre os que se inclúen as axudas de emerxencia social, a atención ás persoas dependentes, asistencia social, Centro de Información da Muller, servizo de educación familiar, programación de actividades e outros servizos. Para Cultura e Educación destínanse 958.085 euros, entre as que se inclúen partidas para mantemento dos centros escolares, axudas para os comedores, programación cultural para todo o ano, o plan músico cultural, mantemento de instalacións… mentres que para Festexos destínanse 373.710 euros, para Medio Ambiente 519.129,91 euros e Obras e Servizos 542.259,43 euros. A partida de deportes conta con 461.796,16 euros, nos que se continúa apostando pola actividade deportiva, o deporte base, o mantemento de instalacións, organización de eventos… Aumentan as axudas a entidades, clubs e colectivos sociais, educativos, deportivos, culturais e organización de eventos lúdicos, unhas axudas que ascenden a 295.739,36 euros e que amosan o apoio do Goberno a todo o tecido asociativo do concello fomentando a igualdade, equidade e participación. 

Con respecto ao capítulo de persoal, recóllense a creación de novas prazas así como os incrementos salariais previstos que deberán aplicarse nas retribucións do persoal en 2024, uns aumentos que non se aplicarán nas retribucións dos membros do Goberno con dedicación exclusiva ou parcial. Neste momento inflacionista, tamén se incrementa a partida de gastos correntes, para garantir a prestación e calidade de todos os servizos públicos municipais, un capítulo que reserva o 50% dos gastos.

Ademais, Moldes aclara que neste orzamento non están incluídos ningún plan, investimento ou axuda que poden chegar desde outras administracións, “e que, de seguro, van incrementar de xeito importante tamén a liquidación do ano próximo”. Así, por exemplo, non están incluídos aínda nesta proposta nin o Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, nin os proxectos xa anunciados pola Xunta de Galicia para este 2024, como poden ser as actuacións en Tambo, na Escola de Canteiros, nos portos de Combarro e Raxó, no polígono de Fragamoreira ou nos centros de ensino, entre outros proxectos que se poidan engadir ao longo de 2024 e que serán investimentos fundamentais para o concello.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio