TapeaPoio, primeiro certame de tapas co que avanzar na desestacionalización e poñer en valor unha gastronomía “única”

26/09/2024

Desenvolverase do 3 ao 13 de outubro en once establecementos de todo o Concello, que ofrecerán as súas creacións a un prezo único de 4 euros.

O Pazo de Colón, en San Salvador, foi escenario este xoves da presentación de ‘Tapea Poio’, o primeiro certame de tapas do municipio, que se desenvolverá entre o xoves 3 e o domingo 13 de outubro en once establecementos de todo o concello.

A iniciativa, impulsada polo Concello de Poio e que conta coa colaboración de numerosas institucións e entidades, busca destacar o talento culinario local, impulsar a desestacionalización e consolidar Poio como un referente gastronómico en Galicia. “Para o Concello de Poio é un pracer presentar esta primeira edición que, cos padriños que ten, Pepe Vieira e Pepe Solla é un certame de excelencia”, subliñou o alcalde, Ángel Moldes. Asemade, agradeceu a todos os establecementos “que se embarcaron con nós nesta primeira edición a súa confianza. Eles son os protagonistas, e tamén todos e cada un das empresas que se implicaron e colaboran neste TapeaPoio”.

Durante a presentación, Moldes asegurou que “aspiramos a que Poio sexa referente no turismo e na gastronomía durante todo o ano”, e por iso sinalou que “para nós é importante contar co respaldo de todo o sector a estas iniciativas que buscan desestacionalizar o turismo para que actividade na hostalaría e no turismo se estenda máis alá dos meses de verán”.

Así, subliñou que “estamos dinamizando a actividade no noso concello, con propostas atractivas os doce meses do ano, iniciativas que favorecen a desestacionalización e contribúen ao crecemento socioeconómico do noso municipio. Moitas persoas miran hoxe cara Poio por todas estas iniciativas e programación que estamos ofrecendo ao longo de todo o ano, propostas que se suman aos nosos recursos naturais e paisaxísticos e que, en conxunto, nos converten nun destino moi completo e único”.

Durante a presentación, Ángel Moldes estivo acompañado do director do Centro Superior de Hostalaría de Galicia, José Paz Gestoso, representantes do Departamento de Turismo da Deputación de Pontevedra, como institucións colaboradoras, e Rocío Cochón, responsable municipal da área. Tamén participaron o chef poiense Xosé Cannas, responsable do restaurante Pepe Vieira; Lupe Murillo, directora de Conservas Pescamar e Silvia Torres, da Naviera Mar de Ons, en representación das empresas colaboradoras, que inclúen tamén Supermercados Froiz, o restaurante Casa Solla, Cruceiros Pelegrín, o hotel Villa Covelo e o Hotel Apartamento RD.

Os protagonistas absolutos foron os responsables dos once establecementos adheridos, que presentaron persoalmente as tapas coas que participan no certame. A edil Rocío Cochón, que conduciu o acto, quixo agradecer a implicación de todos eles, así como das institucións e empresas colaboradoras por “dar un paso á fronte cunha iniciativa que aproveita unha das nosas enormes fortalezas, a gastronomía, para avanzar na desestacionalización e no turismo de calidade”.

Así, Cochón subliñou que Poio é “un destino Gourmet” e un auténtico polo de atracción para a restauración de calidade. Logo de agradecer o respaldo ao certame dos chefs Cannas e Solla, indicou un dato que dá proba da excelencia culinaria do municipio, xa que desde hai máis dunha década “ningún outro concello de Galicia ten máis estrelas Michelín que Poio”. Uns recoñecementos que son “a punta do iceberg dunha gran tradición culinaria, de casas de comidas, restaurantes e fogares de todo o municipio, responsables de que veciños e visitantes leven o nome de Poio sempre no padal”, como os chefs participantes no certame.

Explicou a mecánica do certame, no que as tapas poderán degustarse nos 11 establecementos a un prezo único de 4 euros, e os clientes poderán votar por cada unha delas mediante un código QR exclusivo de cada local. A partir do día 13, recontaranse os votos para determinar as mellores tapas, con importantes premios para os restauradores, con cheques de 1.500 euros para o gañador, 900 euros para o segundo clasificado e 500 euros para o terceiro. Estes premios están aportados pola empresa Froiz e serán canxeables no “Cash & Carry Froiz”, a canle da distribuidora para profesionais. Ademais, os restauradores recibirán unha placa de recoñecemento.

Ao rematar o certame, tamén se sortearán premios entre as persoas que degusten e voten a súa tapa favorita, que poderán gañar menús degustación en Pepe Vieira e Casa Solla, 3 cestas de supermercados Froiz, 5 Estuches Gourmet de Conservas Pescamar, pasaxes en Cruceiros Pelegrín e Naviera Mar de Ons e bonos de estancia e almorzo nos aloxamentos Hotel Villa Covelo e RD Hotel Apartamento. Os premios entregaranse nun evento ao finalizar o certame.

Cochón agradeceu a implicación dos colaboradores, que permitirá dar uns premios valorados en cerca de 6.000 euros, e que espera que “xere moito máis movemento e que máis xente veña desfrutar da calidade e a diversidade da nosa oferta gastronómica”.

“Poio é único, e hoxe damos un paso máis para demostralo con TapeaPoio, unha aposta polo talento culinario local que sitúa Poio no epicentro da gastronomía galega”, finalizou: “Durante dez días, veciños e visitantes poderán gozar de creacións únicas que reflicten a esencia da nosa identidade, a calidade dos produtos e o saber facer dos nosos cociñeiros”.

“Este certame é moito máis que un concurso de tapas: é unha celebración do que nos fai especiais, do orgullo de pertencer a un destino gastronómico de referencia. Os 365 días do ano, para comer, Poio!”

ESTABLECEMENTOS PARTICIPANTES

Os establecementos participantes son:

  • Restaurante Casa Angelita (Lourido), coa tapa “Potaxe de garavanzos”
  • Eirado das Margaridas (Liñares), cun “Croquetón de xamón ibérico e polbo sobre base de puré de triguero e crocante de pataca”
  • Bar Terraza, na Barca, coa tapa “Fabes ao montañés”
  • Ninkasi, na Av. San Xoán, coa tapa “Non cho digo”
  • Café-Bar Aquelo, na Reiboa, coa tapa “Delicia do mar”
  • Restaurante “Pinela Terraza”, coa tapa “Mexillón ramallo de mar”
  • Restaurante o Peirao, en Combarro, cunha tapa de “Sardiña á brasa con pementos de padrón e pan de millo”
  • A Tres Nudos, en Combarro, coa tapa “Tosta Campechana”
  • A Bodega O Bocoi, en Combarro, coa tapa “Mar e Terra”
  • Recuncho do Lolo, no Covelo (Samieira), coa tapa “O pultpiño do Lolo”
  • Restaurante Lameiriña, en Raxó, coa “Carrilleira ao estilo de papá”

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio