Ángel Moldes: “apostamos por un urbanismo áxil, útil e próximo á cidadanía, que estea ao alcance de todos dun xeito totalmente accesible e transparente”.
O Concello de Poio presentou esta mañá unha nova ferramenta que permite consultar a situación urbanística por parcelas catastrais do PXOM municipal, un visor de datos que xa está operativo desde a web concellopoio.gal/urbanismo e que dá acceso ao cidadán e aos profesionais a esta información de forma sinxela, gratuíta e de xeito inmediato, sen necesidade de esperas nin citas previas.
Foi nun almorzo no Pazo de Colón, ao que asistiron o alcalde, Ángel Moldes, a directora xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, Encarnación Rivas, e a concelleira de Urbanismo, Rocío Cochón, e que contou con preto de cen asistentes, entre representantes das asociacións de veciños, arquitectos, aparelladores, promotores, empresas construtoras e outros profesionais do sector de toda a comarca.
Moldes asegurou que o Goberno local aposta por “un urbanismo áxil, útil e próximo á cidadanía, que estea ao alcance de todos dun xeito totalmente accesible e transparente”, e recoñeceu que investir nel é fundamental para o crecemento e desenvolvemento socioeconómico de Poio e para mellorar a calidade de vida da veciñanza. “Queremos que o noso concello continúe medrando desde o respecto e o equilibrio, e para iso é fundamental o compromiso de todos. Pero tamén é importante investir en urbanismo. Esta ferramenta é un dos primeiros pasos e o seguinte será incorporar máis persoal ao departamento de urbanismo”.
Durante a súa intervención, tamén dixo que “estamos traballando na boa liña. Poio está estratexicamente situado, ao lado da capital de provincia e da comarca do Salnés, pero ademais desde que chegamos ao Goberno estamos intentamos facer cada día de Poio un concello máis atractivo para vivir, para traballar e para investir e queremos seguir sendo un referente, como hoxe o somos con este visor, o máis completo que hai neste momento en Galicia”.
Nesta liña, Rocío Cochón engadiu que “crear un fogar e construír ou adquirir unha vivenda, abrir un negocio, dispoñer de servizos e infraestruturas… son momentos no que o urbanismo e todo o tecido social e económico en torno a el exerce un gran efecto sobre a veciñanza, e por iso nós desde a administración temos a encomenda de situar o urbanismo ao servizo dos veciños”. Por iso, apuntou que “con este portal queremos achegar aínda máis o urbanismo aos veciños e profesionais”.
Este novo visor urbanístico, desenvolto pola empresa Procat Ingeniería y Medio Ambiente, permite realizar consultas desde calquera dispositivo, ordenador, tablet ou móbil, e as parcelas pódense buscar por referencia catastral, dirección ou incluso xeolocalización, favorecendo así consultar a planificación urbanística desde calquera punto do territorio ou mesmo desde a propia parcela a través dun clic. A información que se pode consultar inclúe, entre outros, datos urbanísticos como a referencia, superficie, clasificación, afeccións, enlaces á sede do catastro, visualizacións de distintas cartografías ou á consulta da normativa completa ou descarga do arquivo en formato pdf.