Poio prepara o seu primeiro congreso de Atención Temperá para apoiar ás familias no desenvolvemento infantil

22/04/2026

A Unidade de Atención Temperá do Concello atendeu xa a preto de 100 menores de 6 anos desde a súa posta en marcha. O servizo impulsa tamén encontros coas familias sobre límites e xestión das rabietas.

O Concello de Poio, en colaboración con Cogami, están preparando o primeiro congreso de Atención Temperá, “Medrando en familia”, unha xornada dirixida principalmente ás familias e centrada en ofrecer ferramentas prácticas para apoiar o desenvolvemento infantil desde un enfoque próximo e accesible.

O encontro celebrarase o sábado 20 de xuño, de 10.00 a 14.00 horas, no Pazo de Besada. A través dunha mesa redonda, profesionais de distintos ámbitos e familias usuarias do servizo abordarán a atención temperá desde perspectivas complementarias como a sanidade, os servizos sociais, a educación e o ámbito familiar.

Na sesión participarán a pediatra especializada en neuroloxía pediátrica Laura Arias García; a coordinadora e psicóloga do Servizo de Atención Temperá de Poio, Sonia Limés González; Ana Martín-Serrano Fontenla, nai dun neno con autismo e fundadora da marca La Monda; a traballadora social do Concello, Rosa Freire Fariña; e a directora e mestra de educación infantil en Irmanais, Nerea Díaz Rodríguez.

As inscricións están xa abertas a través dun formulario dispoñible na páxina web e nas redes sociais do Concello. Co obxectivo de facilitar a asistencia, durante o congreso ofrecerase un servizo gratuíto de monitorado para o coidado dos menores.

PRETO DE CEN NENOS ATENDIDOS DESDE A POSTA EN FUNCIONAMENTO DO SERVIZO

A Unidade de Atención Temperá de Poio, posta en marcha hai pouco máis dun ano, xa atendeu a preto de 100 nenas e nenos de entre 0 e 6 anos. Trátase dun servizo público e gratuíto orientado á prevención, detección e intervención ante posibles dificultades no desenvolvemento infantil. O equipo está formado por profesionais das áreas de psicoloxía, logopedia e fisioterapia pediátrica, que desenvolven a súa actividade na Casa Rosada.

Ademais do congreso, o servizo continúa promovendo iniciativas para achegar recursos ás familias do municipio. Neste marco, o próximo luns, día 27, celebrarase a xornada “SOS:Rabietas”, na Escola Infantil Trastes (16.30h), un encontro pensado para axudar ás nais e pais a comprender e xestionar mellor estes episodios habituais nas primeiras etapas do desenvolvemento infantil. A actividade está dirixida principalmente ás familias da Escola Infantil Trastes, así como ás persoas usuarias do propio servizo municipal de Atención Temperá.

Pola súa banda, na Escola Infantil A Galiña Azul, impartirase a charla “Límites: nin permisivos nin esixentes”, o xoves 7 de maio (16.15 horas), centrada en ofrecer orientación práctica sobre a educación emocional na infancia. Como no caso anterior, a actividade está dirixida principalmente ás familias da Galiña Azul, así como ás persoas usuarias do propio servizo municipal de Atención Temperá.

INSCRICIÓNS

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio