POIO PON EN MARCHA UNHA CAMPAÑA PARA COÑECER MELLOR AOS PEREGRINOS, IMPULSAR AS RUTAS XACOBEAS DO CONCELLO E SEGUIR ‘NO BO CAMIÑO’

12/01/2024

2023.

O concello de Poio pon en marcha a campaña “no Bo Camiño”, dirixida a coñecer en detalle os datos e preferencias dos peregrinos que percorren algunha das variantes do Camiño de Santiago ao seu paso por Poio, mellorar a súa experiencia e afondar así na desestacionalización e a internacionalización, reforzando un dos principais atractivos turísticos do municipio. Anunciouno este venres a concelleira de Turismo, Rocío Cochón, explicando que a iniciativa inclúe, nunha primeira fase, a colocación de códigos QR con enquisas en varios idiomas (galego, castelán, portugués e inglés polo momento, con previsión de incorporar máis linguas segundo a demanda) na recepción do Concello, nas Oficinas de Información Turística, nos sinais indicativos e noutros puntos de interese ao longo do percorrido.

Ao escanear os códigos, os peregrinos poderán elixir o idioma preferido e responder a unha enquisa que permitirá “traballar a futuro incorporando suxestións e preferencias dos peregrinos”. Ademais, reforzarase o rexistro de información dos peregrinos coa colaboración da Orde Mercedaria, que recompilará os datos das persoas que selen a Compostela no Monasterio. “Ao igual que os peregrinos, tamén as administracións precisamos saber onde nos atopamos para avanzar con rumbo certo”, subliñou a edil. Por iso, o principal foco da campaña nunha primeira fase dirixirase a obter información detallada sobre os fluxos de peregrinos que atravesan Poio, “algo que ata agora non se estaba facendo”.

A información obtida utilizarase “para impulsar un atractivo turístico e cultural único completamente infravalorado polo anterior Goberno”, e servirá para avanzar nun obxectivo clave como a desestacionalización: “Despois dun verán moi positivo para o turismo de Poio, traballamos para construír un mellor destino desde o primeiro día do outono”.

Asemade, durante os próximos meses renovarase e mellorarase a sinalización e traballarase no acondicionamento dos camiños utilizados polos peregrinos, en colaboración co resto de administracións e tratando o camiño por Poio como o que é, unha aposta estratéxica. Polo concello de Poio transcorren dous itinerarios cun gran crecemento nos últimos anos, a Variante Espiritual e o Roteiro do Padre Sarmiento, que atravesan cada ano milleiros de persoas: “A nosa vocación é servir de punto de encontro de persoas e pobos cun potencial enorme”.

Nese senso, nos últimos días Cochón aproveitou o despregamento da campaña para pasar revista a diferentes treitos do Camiño, onde coñeceu de primeira man a opinión dos peregrinos e constatou “a cantidade e a diversidade das persoas que nos visitan con rumbo a Compostela”, tras saudar nun breve espazo de tempo a decenas de camiñantes de Canadá, Polonia, Dinamarca, Rusia, Zimbabue ou Australia, ademais dos peregrinos nacionais e os procedentes de orixes máis habituais, como Italia ou Portugal.

“Os datos que levamos recollidos só nas últimas semanas indican que máis do 50% dos peregrinos que atravesan Poio son estranxeiros, sendo os máis numerosos os portugueses, italianos e alemáns, pero podemos dicir con seguridade que a través do Camiño recibimos visitantes de todos os recunchos do mundo que descobren Poio por primeira vez peregrinando”, destacou Cochón: “Queremos que saiban que poden volver a disfrutar dun destino único os doce meses do ano”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio