Poio participará en Fitur por primeira vez coa presentación “Tambo, embarcamos?” de Turismo de Galicia

19/01/2024

O Concello de Poio presentará en Fitur a súa oferta turística como destino “único e de calidade os 365 días do ano”. Faráo o mércores, 24, día da inauguración da Feira, ás 14.30 h no stand de Galicia en Fitur, coa proxección dun vídeo promocional e a presentación “Illa de Tambo. Embarcamos?”, organizada por Turismo de Galicia.

Desvelouno este venres o alcalde, Ángel Moldes, subliñando que para o concello constituirá un día histórico, xa que “será a primeira vez na historia que Poio terá protagonismo na maior feira de turismo do mundo”.

Así, avanzou algunha das claves da presentación e dos materiais audiovisuais que se proxectarán: “Quixemos mostrar Poio cun enfoque distinto ao que habitualmente se asocia o noso concello, destacando lugares e experiencias únicas que só poden gozar os que nos visitan, e ademais, en colaboración coa Xunta de Galicia, quixemos poñer o foco na Illa de Tambo e no turismo verde e sostible”.

Moldes explicou que “hai moitísimo interese por descubrir todo o que ofrece Tambo”, recalcando que a illa tamén serve de exemplo para falar da aposta do seu goberno polo turismo sustentable, de calidade e atractivo os 365 días do ano. 

“Para nós é fundamental que as campañas e actividades non só estean centradas no verán, que aínda así é moi importante, senón que se estendan e xeren actividade, riqueza e atractivo de xaneiro a decembro”, indicou. “Estamos moi animados e con ilusión, xa que Poio nunca tivo un proxecto turístico tan definido e a oportunidade de demostralo no maior foro do mundo e nun espazo único e orixinal como o expositor de Galicia”.

Precisamente este ano o espazo de exposicións de Turismo de Galicia no que terá lugar a presentación está dedicado á auga, con máis de 1.000 m² onde se exporá o mellor da Comunidade co fío condutor dos recursos ligados á auga, un elemento ao que Poio está moi vinculado: “Desde as nosas praias, ás sendas, a un lugar tan emblemático e ligado ao mar como Combarro, Poio ten unha relación coa auga moi especial, e ningún lugar máis que a Illa de Tambo, que terá un protagonismo extraordinario na presentación e na promoción de Turismo de Galicia”.

Moldes quixo agradecer a colaboración de Turismo de Galicia, así como o traballo realizado polos traballadores da Concellaría de Turismo, dirixida por Rocío Cochón, así como todos os colaboradores que participaron no vídeo promocional que se proxectará na Feira: “Mariñeiros que cederon embarcacións, mariscadoras, asociacións… se somos un destino de calidade é tamén porque ademais de recursos turísticos únicos temos á mellor veciñanza”.

A Feira Internacional de Turismo celebrarase do 24 ao 28 de xaneiro en Madrid e será a primeira vez que Poio participa con actividades propias, materiais promocionais específicos e unha presentación que, ademais terá lugar nas horas centrais do día da inauguración, que contará coa presenza do presidente da Xunta e as presentacións de cidades, provincias… 

O momento de Poio chegará o mércores 24 ás 14:30 h, coa presentación e a estrea do vídeo promocional, se ben Moldes anunciou que nos próximos días o concello convocará ao sector turístico do concello “para que sexan os primeiros en coñecer a nosa aposta de futuro polo Turismo de Poio, un futuro que construiremos entre todos”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio