Poio outorga axudas de 1.000 euros para proxectos que fomenten a igualdade e preveñan a violencia machista

27/02/2024

O Concello de Poio outorgará axudas por valor de 1.000 euros para financiar proxectos desenvoltos por asociacións de mulleres locais para fomentar a igualdade de oportunidades e loitar contra a violencia machista. A Xunta de Goberno aprobou hoxe as bases desta liña de axudas, que se repartirán por concorrencia non competitiva.

Segundo explica a concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, o obxecto destas subvencións é apoiar programas e actividades que promovan a igualdade e melloren a calidade de vida das mulleres de Poio e, ao mesmo tempo, fortalecer e consolidar o movemento asociativo potenciando a participación social.

As asociacións interesadas en beneficiarse destas subvencións deberán cumprir varios requisitos, entre os que se atopan ser parte do Consello Municipal da Muller, figurar no Rexistro de Asociacións e ter colaborado nas campañas impulsadas desde o Concello de Poio con motivo do 25 de novembro ou do 8 de marzo.

As actividades obxecto de subvención deberán realizarse entre o 1 de decembro de 2023 e o 30 de novembro de 2024. Os colectivos poderán presentar as súas propostas durante un mes, a partir do día seguinte á publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia, que será nos próximos días. A tramitación farase exclusivamente por medios electrónicos a través do formulario que estará dispoñible na sede electrónica do Concello de Poio.

Aos proxectos subvencionados concederáselle unha axuda económica de 1.000 euros, compatible con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos recibidos doutras entidades ou administracións. En ningún caso, o importe da subvención poderá superar o custe da actividade.

Entre os gastos subvencionables inclúense, entre outros, todos aqueles relacionados co funcionamento e mantemento, de difusión ou publicidade, alugueiro d espazos e equipamentos técnicos, contratación de servizos profesionais, materiais para realizar cursos e actividades, premios, ou calquera outro gasto corrente necesario para o desenvolvemento da actividade subvencionada.

O criterio de reparto farase por orde de entrada das solicitudes no rexistro electrónico do Concello de Poio, sempre que reúnan os requisitos establecidos nas bases para poder ser beneficiarias.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio