Exposición, certame literario e teatro para celebrar as letras galegas en Poio

13/05/2024

A programación para homenaxear a Luisa Villalta está organizada coa colaboración da SCD Raxó e desenvólvese entre o xoves 16 e o sábado 18 no Centro Cultural Xaime Illa. O xoves inclúese unha conversa co xornalista e escritor Ramón Rozas.

O Concello de Poio deu a coñecer esta mañá a programación que, coa colaboración da SCD Raxó, impulsa con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, que neste 2024 pon en valor a figura da escritora Luisa Villalta. Unha programación con “grande contido e para todas as idades” que se desenvolverá entre o xoves 16 e o sábado 18 de maio no Centro Cultural Xaime Illa, en Raxó.

O alcalde, Ángel Moldes, explicou que para o Concello “é importante que esta programación tivese contido máis aló do propio día 17, e incluíse propostas para todas as idades”. Neste senso, agradeceu o traballo feito desde a concellería de Cultura e da SCD Raxó, “para poñer en valor e reivindicar a importancia das nosas letras e do noso idioma”. Así, explicou que a programación comeza o xoves coa inauguración da exposición “Xaime Isla e utopía de Galicia”, ás 20.30 horas, e que conta coa participación de Xosé L. Pastoriza, comisario da mostra. Ademais, entre os asistentes repartirase un libro colectivo sobre Xaime Illa, editado e doado pola Fundación Xaime Isla.

O venres 17, os actos comezarán ás 17.30 horas coa entrega dos premios do XXXII Concurso Literario Xaime Illa, ao que se presentaron máis de 100 traballos nas modalidades de poesía e relato curto “que, segundo comentou o xurado contan todos cunha altísima calidade”, subliñou Moldes. A maior parte dos participantes nas categorías infantís son de rapazada residente ou escolarizada en Poio, e na modalidade para maiores de 18 anos presentáronsecreacións literarias de diversas temáticas dende múltiples puntos xeográficos de toda Galicia e, incluso, desde Arxentina “o que lle dá un valor importante ao concurso literario”.

Ese mesmo día, tamén se inclúe unha Conversa con Ramón Rozas, “un gran amante do noso concello, pero sobre un escritor e xornalista cunha ampla traxectoria co que sempre é un pracer contar”, e finalizará coa actuación do dueto musical Xistra.

Xa o sábado 18, o centro cultural acollerá dúas representacións teatrais. A primeira, ás 17.30 horas, “Iguais e diferentes”, a cargo de Expresións Producións e que está dirixida para o público familiar. E xa ás 20.30 horas, será a quenda de “Running”, de STE Xeito Producións e dirixida a público adulto. Nos dous casos a entrada é de balde ata completar aforo.

O presidente da SCD Raxó, Xaquín Agulla, destacou que “é unha satisfacción comprobar a aposta do Goberno coa celebración deste certame literario, que xa vai pola 32 edición”. Un concurso que, recordou, “comezou de xeito modesto pero que ano a ano vai gañando en calidade e tamén a nivel social”.

Por último, Ramón Rozas agradeceu a oportunidade de formar parte “dun día tan singular e importante para os galegos, como é o 17 de maio.” Dentro do programa, destacou a celebración do concurso literario, “é importante que haxa unha chea de rapaces e rapazas que escriban en galego, presenten os seus traballos e teñan ilusión por escribir na nosa lingua”. Por último, puxo en valor a figura de Luisa Villalta, e dos seus “poemarios deslumbrantes e renovadores”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio