Poio Mostra reunirá sesenta comercios de diferentes sectores esta fin de semana na Seca

16/04/2024

Ángel Moldes: “é un evento moi importante como punto de encontro, para dinamizar a economía local e para poñer en valor todo o tecido empresarial do municipio”.

O Concello de Poio e EnPoio organizan esta fin de semana, entre o venres e o domingo, a feira multisectorial Poio Mostra nunha carpa instalada na Seca, e na que participan un total de 60 comercios e empresas de diferentes sectores, e que inclúe tamén unha exposición de vehículos de ocasión.

Esta mañá, o alcalde Ángel Moldes, e a presidenta de EnPoio, Loli Otero, presentaron o evento, xunto os concelleiros de Festexos e Eventos, Fran Da Silva, e de Promoción Económica, Maritxe González, así como doutros membros da directiva da asociación empresarial. Moldes sinalou que “é un evento moi importante como punto de encontro, para dinamizar a economía local e para poñer en valor todo o tecido empresarial do municipio. Ademais, permitirá amosar á veciñanza e visitantes toda a oferta e produtos que poden atopar no noso municipio, no pequeno comercio, sen necesidade de desprazarse para facer moitas das súas compras”. Ao mesmo tempo, dixo que tamén suporá que moitos dos comercios de fóra do municipio que van estar en Poio Mostra “terán a oportunidade de comprobar si o seu produto ten saída no noso concello e, quizais, valorar a posibilidade de implantarse aquí”.

Pola súa banda, Loli Otero sinalou que a convocatoria foi un éxito, “en menos de unha semana reserváronse todos os stands que tiñamos dispoñibles”. Por iso, desde a asociación confían en que “contribúa a poñer o comercio local no mapa e convertela na feira de referencia en primavera”. Nesta liña, indicou que “este tipo de eventos atrae moitísima xente, por iso tamén é bo para o concello. O inverno é unha época difícil para todo o pequeno comercio, e esta feira supón unha oportunidade”. Así, sinalou que os visitantes atoparán en Poio Mostra unha ampla variedade de tendas de moda, zapaterías, decoración, produtos gourmet, servizos, agricultura, artesanía, concesionarios…

Por último, desde o Concello e EnPoio animaron aos veciños a achegarse á Seca durante a fin de semana, así como aos concellos limítrofes “porque aquí van atopar verdadeiras oportunidades e van coñecer toda a oferta que hai no noso municipio”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio