Ángel Moldes: “supón unha oportunidade para impulsar e dinamizar a economía local e para poñer en valor todo o tecido empresarial do municipio”. Inclúe establecementos de alimentación, moda, complementos, decoración, xardinería, mobiliario ou concesionarios, entre outros.
A terceira edición da feira multisectorial e do automóbil “Poio Mostra” celebrarase do 10 ao 12 de abril na Seca colgando o cartel de completo cunha participación de preto de corenta negocios do municipio e da comarca.
Así o anunciou esta mañá o alcalde, Ángel Moldes, que acompañado da presidenta da asociación EnPoio, Loli Otero, e dos concelleiros de Promoción Económica e Seguridade e de Eventos e Festexos, Maritxe González e Fran Dasilva, presentou unha feira que xa se consolida como unha cita destacada no calendario local. “PoioMostra sigue medrando, e que exista esta demanda é moi importante para o noso concello”, sinala Ángel Moldes. Entre os participantes haberá establecementos de alimentación, moda, complementos, decoración, xardinería, mobiliario, concesionarios, entre outros.
O alcalde destaca que “é unha cita importante para o comercio de proximidade, supón unha oportunidade para impulsar e dinamizar a economía local e para poñer en valor todo o tecido empresarial do municipio”. Na edición de 2025 a feira contou con máis de 6.000 visitantes.
Recorda que “Poio ten moito que ofrecer tamén a través do seu comercio, e por iso queremos que veciños e visitantes coñezan a través de PoioMostra todo o que poden atopar sen saír do noso municipio”. Nesta liña, recorda que “cando compramos no noso municipio, creamos vida, contribuímos a xerar riqueza e emprego”.
Durante os tres días, o cliente atopará unha ampla oferta de produtos, en espazos cómodos e amplos, e incluso disporá de probadores. O obxectivo, explicou Loli Otero, é contribuír á liquidación de restos de tempada, facilitar a captación de novos clientes e aumentar a calidade do comercio local.
A entrada a Poio Mostra é gratuíta. O venres, estará aberto de 16.00 a 21.00 horas; o sábado o horario será de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 22.00 horas, e o domingo, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas.
Por último, desde o Concello e EnPoio animan a achegarse á Seca entre o 10 e 12 de abril “porque aquí van atopar verdadeiras oportunidades, cunha atención personalizada, e van coñecer toda a oferta que hai dentro do noso municipio”.