Rocío Cochón destaca a importancia cada vez maior do turismo xacobeo, con máis de 4.000 ‘compostelas’ seladas no último trimestre, o 80% de peregrinos de orixe estranxeira: “Unha fonte de cultura e riqueza que cómpre coidar e impulsar entre todos”.
O Concello de Poio vén de mellorar a sinalización da Variante Espiritual do Camiño Portugués, para o que contou coa axuda inestimable da comunidade escolar do CEIP Isidora Riestra.
A iniciativa xurdiu a raíz do proxecto “Unha Escola no Camiño”, no que o alumnado de 6º de Infantil percorreu un tramo desta ruta Xacobea, que bordea o propio centro. No percorrido, detectaron puntos nos que as indicacións aos peregrinos resultaban confusas ou difíciles de ver, polo que axudados pola súa mestra MAR GARCÍA redactaron unha carta advertindo destas e outras posibles dificultades para os peregrinos.
Atendendo esta petición, o Goberno local realizou unha intervención que inclúe a colocación de catro novos postos indicativos en puntos estratéxicos, así como reubicación doutros xa existentes para mellorar a visibilidade, a claridade e a seguridade para os camiñantes. As melloras, realizadas en colaboración cos servizos técnicos municipais, estendéronse entre As Bardancas e A Pinela.
A finais de xuño, e pouco despois de realizadas as melloras, a concelleira de Turismo, Rocío Cochón, acompañada da responsable de Educación, Natalia Sabarís, achegouse ao Centro para compartir co alumnado o resultado da súa proposta. Visitaron un dos novos indicadores, a uns pasos do Centro, e agradecerlles o seu compromiso coa hospitalidade, coa imaxe do Concello e con coidar e acondicionar o que é de todos: “A vosa carta axudounos a mellorar a experiencia de milleiros de peregrinos, que grazas a vós agora seguen sempre o bo camiño”.
A visita aos novos indicadores coincidiu co paso dun grupo de peregrinos neerlandeses e australianos, que ao coñecer a historia, tamén trasladaron o seu agradecemento aos pequenos.
MÁIS DE 4.000 PEREGRINOS REXISTRADOS NO ÚLTIMO TRIMESTRE, O 80% DE ORIXE ESTRANXEIRA
Cochón destacou tamén a crecente importancia do turismo xacobeo no municipio, con máis de 4.000 ‘compostelas’ seladas durante o último trimestre, das que máis do 80% eran de peregrinos de orixe estranxeira.
Por nacionalidades, destacan os camiñantes de Portugal (17%), Estados Unidos (11,8%) e Italia (8,7%), pero o máis significativo é a presenza de peregrinos dos 5 continentes, cun 72% de europeos, un 20% de americanos, e un 4%, 2% e 1% de Asia, Oceanía e África, respectivamente.
Chama a atención a presenza de camiñantes de países como China (máis de 70 entre abril e xuño), Sudáfrica, Senegal, Taiwán, Georgia, Indonesia ou Singapur. En total, no período indicado, rexistráronse máis de 60 nacionalidades.
Entre os peregrinos españois, o 20% do total, as principais comunidades de orixe son Madrid, Comunidade Valenciana, Extremadura e Andalucía, que engloban á metade dos camiñantes de orixe nacional.
Cochón subliñou a oportunidade que supoñen para Poio as variantes xacobeas, cun grao moi elevado de desestacionalización e internacionalización. Así, indicou que son “un fluxo constante de visitantes de todo o mundo que non depende tanto das tempadas e que nos están descubrindo, cada vez máis pernoctan, xantan, cean con nós e usan o noso comercio local, e despois de concluír o Camiño, volven e exercen de prescriptores do noso Concello”.
Por iso, rematou, son “unha fonte de cultura e riqueza que cómpre coidar e impulsar entre todos”.