Poio leva aos colexios “as palabras máxicas que poden cambiar o mundo”

03/02/2025

Cada centro deseñou un recuncho máxico no que o alumnado depositou as palabras que seleccionaron para este día: aperta, perdón, amor, amizade, respecto, tranquilidade, sorriso, fogar, compartir..

O Concello de Poio sumouse á celebración do Día Escolar da Non Violencia e da Paz cunha actividade en todos os centros de ensino de infantil e primaria do municipio, para fomentar a linguaxe respectuosa e o trato amigable poñendo en valor as palabras máxicas que poden cambiar o mundo.

O alcalde Ángel Moldes e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, visitaron esta mañá algúns destes colexios, nos que repartiron entre o alumnado as variñas para facer maxia coas palabras que un a un foron introducindo nun gran sombreiro: aperta, perdón, amor, amizade, respecto, tranquilidade, sorriso, compañeirismo, desculpa, empatía, grazas… Palabras que, como sinalaron, contribúen a percibir o mundo dun xeito máis amoroso e contribúen a acadar unhas relacións humanas de calidade.

“Este ano queremos acompañar a palabra paz doutras que son igual de importantes e necesarias nas nosas vidas e ás que temos que darlles moito uso no noso trato diario, no colexio, coas nosas familias, coas nosas amizadas, na nosa comunidade…”, destaca Moldes.

Nas aulas, o alumnado co seu profesorado traballaron en dar con esas palabras e, posteriormente, cada centro preparou un recuncho máxico, cun gran mural e un sombreiro no que cada alumno foi depositando a súa palabra especial, “palabras máxicas que poden cambiar o mundo”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio