Ángel Moldes: “Detrás de cada bandeira hai moito traballo, esforzo e planificación. O obxectivo é buscar a singularidade e calidade nos nosos areais e potenciar un turismo sostible e de calidade”.
As bandeiras azuis xa ondean nas praias de Siorto, en Raxó, e Cabeceira, en Lourido, un izado que coincide coa prestación de todos os servizos nestes areais, incluídos os socorristas, que xa están operativos desde este martes, 1 de xullo.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, participou esta mañá no izado deste distintivo na praia de Cabeceira, en Lourido. “Consolidar estas dúas bandeiras azuis é importante para o noso Concello, xa que son sinónimo de calidade e de excelencia. É un recoñecemento ao traballo que estamos realizando para ofrecer aos nosos veciños e visitantes os mellores servizos. Detrás de cada bandeira hai moito esforzo e planificación. O obxectivo é buscar a singularidade e calidade nos nosos areais e fomentar un modelo de turismo sostible e de calidade”, destacou Moldes.
A praia de Siorto, en Raxó, ondeará este verán a Bandeira Azul por segundo ano consecutivo, tras recuperala o ano pasado despois de sete anos sen este recoñecemento. E se recuperala xa foi un reto, mantela é aínda máis esixente, o que reafirma o compromiso do Concello coa calidade e a sustentabilidade.
Un recoñecemento que tamén suma os distintivos aos catro Sendeiros Azuis de Poio, que xa están visibles nas rutas do Laño, dos Muíños de Samieira, no litoral de Poio e na Variante Espiritual do Camiño Portugués, así como o recoñecemento ao Centro Azul para a Casa Museo de Cristóbal Colón, consolidando a oferta ambiental e turística do municipio.
O distintivo Bandeiras Azuis que outorga a Adeac recoñece a calidade dos areais, outórganse ás praias que cumpren coa hixiene, a seguridade, a prestación de servizos e o coidado do medio ambiente. Precisamente, nas últimas semanas o Concello de Poio intensificou a posta a punto de todos os areais, que incluíu a mellora nos accesos ás praias e colocación de duchas, paneis informativos e papeleiras, limpeza, así como a contratación de seis socorristas que ata o 30 de setembro velarán pola seguridade dos bañistas en Siorto e Cabeceira. Uns servizos que, asegurou, desde o Concello de Poio están intentando mellorar de xeito continuado. Así, recordou que esta mesma semana reservaron fondos para remodelar os baños públicos en Cabeceira, que serán unha realidade o próximo verán.