Poio impulsa unha ordenanza de autocaravanas redactada en colaboración co sector

16/06/2025

O Goberno local reúnese con representantes do turismo itinerante do municipio para presentar o borrador dun texto pensado para dar seguridade xurídica, impulsar a actividade de forma sustentable e consolidar Poio como destino de referencia para esta modalidade turística en convivencia coa veciñanza.

O Concello de Poio deu esta semana os primeiros pasos para regular o turismo itinerante no municipio, coa elaboración dunha ordenanza municipal específica para os usuarios de autocaravanas, vehículos tipo cámper e caravanas. As concelleiras de Turismo, Rocío Cochón, e de Seguridade Cidadá, Maritxe González, mantiveron un encontro con representantes do sector no municipio para presentarlles o borrador desta normativa e recoller as súas achegas.

A ordenanza, das primeiras do seu tipo na contorna, aspira a aportar seguridade xurídica a usuarios, administración e veciños, así como a impulsar esta actividade de forma sustentable e consolidar Poio como destino de referencia para esta modalidade turística, sempre garantindo a súa convivencia en harmonía coa veciñanza.

Actualmente, Poio conta cunha área habilitada para autocaravanas na contorna da Seca que ofrece dez prazas de estacionamento e unha zona para o baleirado de depósitos e toma de auga potable, cuxas normas de uso están recollidas nun panel informativo.

A ordenanza proxectada completará e consolidará esas normas para garantir unha aplicación estable e segura, que actualmente. Ademais, o texto establecerá un marco flexible que permita habilitar novas áreas no futuro.

A edil responsable de Turismo, Rocío Cochón, subliñou que a elaboración da ordenanza responde “á necesidade de ordenar con seguridade unha forma de visitar e desfrutar Poio que ten cada vez máis adeptos e aos que queremos acoller cos brazos abertos e cunha normativa clara e actualizada”.

Cochón agradeceu aos presentes, entre os que se atopaban varios pioneiros do turismo itinerante en Poio, así como impulsores da creación da área, e convidounos a revisar ben o borrador, facer achegas e contribuír coa súa experiencia á mellora do texto: “Sodes os que mellor coñecedes as necesidades de usuarios como vós, e coa vosa axuda queremos conxugar a mellor acollida coa convivencia, a seguridade e o respecto polos espazos públicos e a veciñanza.”

A normativa recolle aspectos clave como os horarios e condicións do uso da área de estacionamento e da zona de baleirado de depósitos. Tamén inclúe dereitos e deberes dos usuarios, a posibilidade de establecer novas zonas, a aplicación de solucións tecnolóxicas para garantir o bo uso e a rotación, e establece un réxime sancionador para as infraccións

Pola súa banda, a concelleira de Seguridade Cidadá, Maritxe González, subliñou que “despois de máis de oito anos de funcionamento da área sen unha regulación clara e específica, facíase imprescindible esta mellora normativa, e a mellor maneira de levala a cabo é da man dos propios usuarios”.

“Nesta modalidade de turismo itinerante, garantir a convivencia -coa veciñanza, con outros vehículos- é fundamental”, explicou González, por iso, “ao contar cun marco claro, podemos actuar con maior eficacia e garantir a seguridade, a mobilidade e o benestar de todos, proporcionando un espazo máis seguro e ordenado”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio