Dez restaurantes do municipio participan nesta iniciativa, aos que se lles proporcionaron materiais para separar correctamente a fracción orgánica, así como formación, horarios e frecuencias da recollida.
O Concello de Poio pon en marcha un proxecto piloto no que participan dez restaurantes do municipio para recoller porta a porta a súa fracción orgánica, xa que como grandes xeradores teñen un papel clave neste proceso polo peso significativo que provocan no total dos residuos que xeran.
Os restaurantes que colaboran nesta primeira experiencia que, posteriormente, irase ampliando ao resto de negocios son La Terraza, As Coruxas, Rodicio Porteliña, Casa Ces, La Almacería, Casa Laura, Casa Susa, O Remo, Bar Aquelo e O Lar de Expósito. A todos eles, segundo explica o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Domínguez, xa se lles están proporcionando de xeito gratuíto todos os materiais que necesitan para realizar unha correcta separación da fracción orgánica, e técnicos xa están facendo visitas a cada un deles para explicar con máis detalle o funcionamento deste proxecto e informar sobre os horarios e as frecuencias da recollida de biorresiduos para facilitar a xestión. Esta recollida porta a porta estará vinculada á Planta de Compostaxe de Vilanova de Arousa, asegurando que os biorresiduos recollidos teñan un destino sustentable.
Domínguez agradece a implicación dos restaurantes e recorda que para garantir a protección do medio e da contorna, é fundamental comprometerse coa reciclaxe e co aproveitamento dos residuos. Así, sinala que os restaurantes e os comedores en xeral xeran grandes cantidades de biorresiduos e a súa correcta xestión permite recuperar este recurso natural, contribuír á mellora ambiental e económica do concello, reducir o tratamento dos residuos, evitar emisións de CO2 á atmosfera e avanzar no cumprimento das normas vixentes.
Para garantir a correcta separación dos residuos, desde o Concello de Poio tamén se lles facilitará formación para todo o persoal. Nesta liña, recorda que esta colaboración é fundamental para facer de Poio un municipio máis sostible e comprometido co medio ambiente.
Ademais, recorda que esta iniciativa tamén repercute de xeito moi beneficioso nos negocios que participan, xa que a correcta separación e xestión dos biorresiduos pode contribuír a unha redución de custos asociados á xestión de residuos no futuro e, ademais, o local será recoñecido como un negocio comprometido coa economía circular.
Para levar a cabo esta iniciativa, o Concello de Poio conta coa colaboración da Xunta de Galicia e do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e co financiamento dos fondos europeos Next Generation.