Poio homenaxeará a Carmen Agís, Rosalía Lores, Alicia Martínez, Ángela Fernández e Peregrina Veiga polo 8M

12/02/2025

Inclúese dentro da programación que está elaborando o Concello de Poio para conmemorar o Día da Muller.

Carmen Agís Rosales, de Raxó; Rosalía Lores Tobío, de Samieira; Alicia Martínez González, de Combarro; Ángela Fernández Carballa, de San Xoán; e Peregrina Veiga Ortiz, de San Salvador, son as cinco mulleres referentes ás que o Concello de Poio homenaxeará este ano polo 8M, unha representante de cada parroquia que destaca pola súa traxectoria persoal, social ou laboral e que son exemplo da participación da muller na sociedade.

Segundo explica a edil de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, “cinco mulleres que son orgullo e exemplo, porque cada unha ao seu modo, coas súas vivencias, coas súas experiencias e loitas, contribuíron a facer Poio e, polo tanto, nos sentimos profundamente orgullosos delas. Mulleres inspiradoras, que en época de dificultades, sempre conseguiron saír adiante e contribuíron ao avance da sociedade”.

A homenaxe destas veciñas será o venres, 7 de marzo, no Pazo de Besada, e inclúese dentro da programación que o Concello de Poio está elaborando para conmemorar o Día da Muller, e que se presentarán nos próximos días. Unha programación que, segundo adianta a concelleira, estenderase ao longo de todo o mes de marzo e, como o ano pasado, volverá a incluír accións destinadas para os centros de ensino “conscientes de que a educación é fundamental para avanzar cara unha igualdade real e efectiva desde as xeracións máis novas”.

O Consello Municipal da Muller é o órgano responsable de propor e elixir cada ano ás mulleres homenaxeadas. Ademais de Natividad Torres, como presidenta, participan representantes dos tres grupos da corporación municipal, así como dos colectivos Asociación de Mulleres Airiños do Mar, Mulleres do Mar, Mulleres Progresistas, Mulleres Rurais Santa Trahamunda, Mulleres en Igualdade, Arela, e as asociacións de veciños de Raxó, Campelo, Bao e Lourido.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio