“Mulleres que fan Poio” destacou a traxectoria de Carmen Agís, Rosalía Lores, Alicia Martínez, Ángela Fernández e Peregrina Veiga.
O Concello de Poio homenaxeou esta tarde a cinco veciñas do municipio, unha de cada parroquia, que ao longo da súas vidas se converteron en referentes de fortaleza, superación e valentía: Carmen Agís Rosales, de Raxó; Rosalía Lores Tobío, de Samieira; Alicia Martínez González, de Combarro; Ángela Fernández Carballa, de San Xoán; e Peregrina Veiga Ortiz, de San Salvador.
“Mulleres que no seu día a día nos inspiran co seu exemplo e nos demostran que, máis aló dos desafíos, sempre hai un xeito de seguir adiante. Con eses sorrisos infinitos, ata cando é difícil facelo. Mulleres anónimas que coas súas historias de vida nos amosan o que significa a valentía, a loita e a perseveranza. Mulleres de xeracións diferentes, que son espello para moitas persoas, mulleres loitadoras e que abriron moitos camiños e que reflicten a nosa esencia e identidade como pobo. Mulleres que contribúen a construír Poio”, destacou o alcalde, Ángel Moldes.
Foi durante o acto central “Mulleres que fan Poio”, organizado para conmemorar o Día Internacional da Muller e que contou coa asistencia da deputada provincial Sandra Bastos, da concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, outros membros da corporación, familiares e representantes dos colectivos feministas locais, entre outros. Moldes fixo un chamamento a percorrer de forma conxunta o camiño da igualdade, “é imprescindible que todos e todas nos sumemos”, porque asegurou, “todos temos un papel fundamental na construción dunha sociedade moito máis xusta, humana e igualitaria”.
CINCO MULLERES, CINCO HISTORIAS DE VIDA
Durante o acto proxectouse o documental, elaborado polo xornalista Quique Morales, que recolle as testemuñas e pedazos de cinco historias de “boas vidas, mans traballadoras, de corazóns inmensos e bos sorrisos, aínda cando non apetece sorrir”.
Carmen Agís Rosales, de Raxó, unha muller traballadora, valente, decidida e que ante as dificultades sempre tirou cara adiante. No documental conta como renunciou a practicamente todos os acontecementos sociais e familiares para centrarse, xunto ao seu marido, no restaurante Lameiriña. “Traballamos moito, todo dependía de nós, e iso nos privou de moitos momentos da nosa vida”, recoñece.
Ángela Fernández Carballa, de San Xoán, é unha empresaria empoderada no sector do mar, que non só destacou polo seu traballo, senón tamén pola súa empatía e calidade humana, axudando sempre co seu negocio, Mariscos Campelo, a moitas familias do seu pobo.
Rosalía Lores Tobío, de Samieira, é a alma do entroido de Samieira, no que leva participando case dúas décadas e lle serve para “sacar fóra” toda a súa creatividade. Cunha grande capacidade “para multiplicar as horas do día”, sempre tirou cara adiante cunha capacidade inmensa para sobrepoñerse coa mellor das actitudes e sorrisos”. Os seus pais ensináronlle a ela e ás súas irmás a valerse por si mesmas, priorizando sempre o respecto e a educación. A vida tíñalle preparada unha grande bofetada ao quedar viúva moi moza. “O destino decide que a túa vida cambie, e aprendemos a darlle un dobre valor”.
Peregrina Veiga Ortiz, ou Lola, de San Salvador, sempre se amosou disposta a aprender, adaptarse e traballar, superando todas as adversidades da vida. Xunto ao seu marido rexenta o restaurante Casa Angelita, antigamente La Marisquera, recoñecido pola súa calidade. Defínese como unha muller multiusos, que se ocupou de moito e con grandes responsabilidades.
Alicia Martínez González, de Combarro, é unha muller cunha grande vocación de servizo público, tanto como enfermeira como concelleira da corporación local durante varios anos, e unha apaixonada da súa profesión. Con 16 anos comezou as súas prácticas de enfermería e, desde entón, recoñece que a evolución na sanidade foi moi grande. Asegura que en todas as casas sempre houbo unha enfermeira: mulleres que sempre se ocuparon e ocupan dos coidados dos seus familiares. Como concelleira, recoñece que o maior pracer era representar e traballar por e para o seu pobo.