A concellería de Turismo pon á disposición dos camiñantes e dos establecementos do municipio unha acreditación propia complementaria á oficial e un selo propio dentro da campaña “Poio, no Bo Camiño”. Rocío Cochón explica que a credencial é unha das cousas que máis piden peregrinos e establecementos, xa que moitas persoas chegan sen un documento que selar: “Esperamos que a conserven con ilusión como recordatorio da visita e como incentivo para volver”.
O Concello de Poio facilitará unha “Credencial do Peregrino” propia ás persoas que percorren algunha das dúas variantes do Camiño Portugués que atravesan o municipio: a variante Espiritual e a Ruta do Padre Sarmiento.
O documento estará á disposición dos camiñantes na recepción do Concello e os locais municipais, e se proporcionará a todos os establecementos comerciais ou de hostalería que o soliciten.
A concelleira de Turismo, Rocío Cochón, presentou esta semana o novo documento, explicando que moitos peregrinos chegan a Poio sen unha credencial para selar, ou queren documentar de forma separada o traxecto polas variantes e por iso, precisamente “a credencial é unha das primeiras cousas que piden os peregrinos cando pasan polo Concello, o Mosteiro ou os distintos establecementos que visitan”. Tamén é algo que solicitan moitos locais de hostalería ou comercios ao pé do camiño.
Cochón aproveitou a presentación desta iniciativa para dar a benvida e entregar persoalmente os primeiros exemplares a grupos de peregrinas de Chicago (EEUU), Tucumán (Arxentina) e Europa Oriental. Ademais, estreou o novo selo que utilizará o Concello para cruñar as acreditacións, coa lenda ‘Poio, no Bo Camiño’.
A nova acreditación é complementaria á Credencial oficial do Camiño, expedida pola Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago. “Esperamos que a conserven con ilusión como recordatorio da súa visita e como incentivo para volver”, indicou.
POIO RECIBIU 35.000 PEREGRINOS EN 2024 UN TURISMO “DE CALIDADE, INTERNACIONAL, DESESTACIONALIZADO E SOSTIBLE” QUE SEGUE CRECENDO
Finalmente, Cochón destacou o potencial das variantes xacobeas para xerar emprego e riqueza, logo de que Poio recibira 35.000 peregrinos en 2024. “Persoas dos cinco continentes, que chegan polo camiño pero namoran da paisaxe, do mar… visitantes na súa maioría estranxeiros que veñen sós, en parella, con familia ou amigos e cada vez máis proban a nosa gastronomía, consumen no noso comercio, coñecen o noso patrimonio e pernoctan en Poio”.
Son cifras récord que van en aumento e supoñen unha oportunidade para crear riqueza e emprego. Desde o Concello, asegurou, traballan para que o camiño siga consolidándose como un motor de desenvolvemento sustentable e beneficie a todos.
Ademais de iniciativas como a nova Credencial, “seguimos mellorando a sinalización, acondicionando o camiño… e estamos traballando nunha ferramenta pioneira coa que daremos a benvida e á mellor acollida: o Punto de Información ao Peregrino, que entrará en funcionamento antes de rematar o ano”.
Con estas iniciativas, “seguimos intentando facer do noso Concello o mellor lugar para vivir, emprender e visitar. E estamos no bo camiño”.