Poio estrea a Unidade de Atención Temperá, para previr e actuar ante problemas de desenvolvemento en menores de 6 anos

10/03/2025

O equipo de profesionais está formado por psicóloga, logopeda, terapeuta ocupacional e fisioterapeuta pediátrica. O xoves organizarase unha sesión de portas abertas e información para as familias do municipio.

Poio xa ten en marcha a primeira Unidade de Atención Temperá do municipio, un servizo gratuíto que busca previr e actuar ante problemas de desenvolvemento nas crianzas menores de 6 anos. O alcalde Ángel Moldes, xunto co vicepresidente de Cogami en Galicia, Ramón Sestayo, fixeron esta mañá unha visita ás instalacións, situadas na Casa Rosada, acompañados polas concelleiras de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, e de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, e representantes de Cogami.

“É un servizo do que estamos moi orgullosos, sabemos que vai supoñer un antes e un despois para a cativada, para os seus diagnoses e para as súas familias. Por primeira vez, imos ofrecer atención ao carón das súas casas, sen necesidade de desprazarse, e de xeito totalmente gratuíto para as familias… Un apoio moi importante para axudar ao desenvolvemento. Unha oportunidade para as familias do noso concello”, destacou Moldes.

O servizo, que é gratuíto para as familias, está xestionado por Cogami, que é a entidade que recibiu maior puntuación no proceso de adxudicación, e está formado por psicóloga, logopeda, terapeuta ocupacional e fisioterapeuta pediátrica. O obxectivo é traballar de xeito conxunto coas familias no coidado, desenvolvemento e autonomía dos nenos e nenas para que poidan ter unha mellor vida. O alcalde explicou tamén que as profesionais xa levan dúas semanas poñendo a punto todo o servizo, facendo un traballo previo e coordinándose cos centros de infantil, cos servizos sociais municipais e cos departamentos de pediatría a nivel local e provincial.

Pola súa banda, o vicepresidente de Cogami Galicia, Ramón Sestayo animou ás nais e aos pais a facer uso da Unidade de Atención Temperá de Poio, xa que ofrece “unha atención fundamental para favorecer que os nenos e nenas poidan desenvolver as súas capacidades nesas idades ”.

O servizo de atención temperá son un conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e á súa contorna, que ten por obxectivo dar resposta, o antes posible, ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos.

A familia deberá acudir ao servizo de pediatría do centro de saúde que lle corresponda e informará ao pediatra da sospeita de trastorno do desenvolvemento. Será este profesional quen fará o diagnóstico previo, en función do cal derivará á familia á unidade de atención temperá. Nesta unidade, o primeiro paso será realizar unha acollida, onde expresar as preocupacións e expectativas da familia, para posteriormente facer unha valoración por parte das profesionais e establecer un plan personalizado de intervencións e sesións dependendo de cada caso particular.

Este servizo conta cunha axuda de máis de 266.000 euros da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e da Rede galega de atención temperá, e está cofinanciado co Fondo Social Europeo.

SESIÓN INFORMATIVA E XORNADA DE PORTAS ABERTAS

Para dar a coñecer este servizo á poboación, este xoves día 13 organízase unha sesión informativa e xornada de portas abertas a partir das 18.00 horas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio