Ángel Moldes: “este día debe servir para facernos pensar e reflexionar sobre todas as causas que defendeu, como son a importancia da cultura e lingua galegas, a igualdade, o feminismo ou a xustiza, que continúan moi presentes na actualidade e son fundamentais para seguir avanzando como sociedade”.
Poio conmemorou esta mañá o Día de Rosalía de Castro sumándose á proposta feita desde a súa fundación, e que incluíu unha lectura colectiva do poema “Miña casiña, meu lar”, a elaboración e degustación do Caldo da Gloria e unha alborada a Rosalía polas rúas da contorna.
O lugar elixido foi o Casal de Ferreirós, pola súa proximidade á rúa que o Concello de Poio dedica, precisamente, a Rosalía de Castro. Unha muller “galega, referente, pioneira e a escritora máis universal que temos”, en palabras do alcalde Ángel Moldes. Neste senso, sinalou que “é importante tela presente hoxe e sempre, enxalzar a súa figura e todo o seu legado”. Por iso, dixo que a celebración do día de Rosalía de Castro “debe servir para facernos pensar e reflexionar sobre todas as causas que defendeu, como son a importancia da cultura e lingua galegas, a igualdade, o feminismo ou a xustiza, que continúan moi presentes na actualidade e son fundamentais para seguir avanzando como sociedade”.
Tamén a concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, puxo en valor a figura de Rosalía de Castro, e agradeceu a colaboración e participación de entidades locais e membros da corporación nos actos organizados. Representantes das asociacións EnPoio, AVC Ronsel e do Ateneo Corredoiro foron, este ano, os encargados de dar lectura a fragmentos do poema “Miña casiña, meu lar”, xunto á propia Natalia Sabarís, e aos edís Iago Garrido, polo BNG, e Julio Casás polo PSOE.
“Considerábamos que era importante sumar a representantes de diferentes colectivos de Poio e, como sempre, aquí estades aportando o voso gran de area”, agradeceu Moldes, que explicou que a idea é ir alternando a participación das asociacións locais cada ano.
Tras a lectura, a cociñeira Cristina Rodríguez, do restaurante Lameiriña de Raxó, elaborou o “Caldo de Gloria”, que degustaron os asistentes. Unha iniciativa inspirada no poema, na que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia. Para rematar, o gaiteiro Álvaro Pérez, da agrupación Vides Novas, interpretou a alborada a Rosalía.