Poio entrega á conselleira do Mar un Decálogo de propostas para a sustentabilidade do marisqueo na Ría de Pontevedra

19/03/2026

Ángel Moldes explica que o Concello, da man dos profesionais e dos expertos, quere facer “unha pequena aportación” aos esforzos do Goberno galego por recuperar os bancos marisqueiros, garantir a viabilidade da actividade e apoiar a un sector de cuxo futuro dependen moitas familias do municipio.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, entregou á conselleira do Mar, Marta Villaverde, o Decálogo de Propostas para a sustentabilidade do marisqueo na Ría de Pontevedra, elaborado polo sector co gallo da I Xornada Técnica da Ameixa que se celebrou hai uns meses no municipio.

Moldes, que estivo acompañado pola concelleira de Urbanismo e Turismo, Rocío Cochón, explica que o documento consta de dez medidas destinadas a garantir un futuro sostible para a actividade marisqueira na Ría de Pontevedra. O decálogo foi redactado de forma colaborativa polos asistentes á xornada, que xuntou aos tres Patróns Maiores das confrarías do fondo da ría -Lourizán, Pontevedra e Raxó-, expertos científicos, profesionais do sector do mar e da cadea mar-industria e representantes institucionais.

Durante o evento, organizada polo Concello de Poio co apoio do GALP Ría de Pontevedra e a Consellería do Mar, e na que tamén interviu Villaverde, debateuse sobre a situación do marisqueo e os retos ambientais, económicos e sociais desta actividade, plasmándose as conclusións nun Decálogo do que se acordou facer entrega á responsable autonómica. As medidas suxeridas van desde o reforzo da gobernanza e a coordinación institucional ata o impulso da formación e a capacitación profesional, o reforzo da trazabilidade e a posta en valor do produto da Ría.

Moldes recorda a actual crise do sector, derivada dos episodios meteorolóxicos extremos, e destaca “o apoio constante da Xunta a este sector fundamental para Poio”. Así mesmo, pon en valor o proceso de escoita e investigación que está a levar a cabo a Consellería nos distintos bancos marisqueiros para definir as actuacións máis axeitadas en cada zona.

Deste xeito, o Concello de Poio, da man dos profesionais e dos expertos, quixo facer “unha pequena aportación” aos esforzos do Goberno galego por recuperar os bancos marisqueiros, garantir a viabilidade da actividade e apoiar a un sector de cuxo futuro dependen moitas familias de Poio”.

DEZ MEDIDAS PARA UNHA XESTIÓN INTEGRADA DO MARISQUEO

1. Reforzo da gobernanza e a coordinación institucional: Establecer, reforzar e impulsar mecanismos estables de cooperación entre confrarías, administración autonómica, concellos e entidades científicas para unha xestión integrada do marisqueo.

2.- Plans de xestión adaptativos: Desenvolver e actualizar periodicamente plans de explotación que combinen a información científica, a experiencia profesional do sector e o seguimento sistemático dos recursos. Neste sentido , inclúese o desenvolvemento de plans de emerxencias que se poidan desenvolver en conexión directa con confrarías para o seguimento de especies invasoras e sistemas de acción que se adapten a cada zona e banco concreto podendo desenvolver políticas públicas en cada ámbito que non desatendan realidades locais ou problemas locais que non sempre son os mesmos de zonas de impacto global (Europa) e que só poderían realizarse desde a comunicación e a unidade de todo o sector e territorio.( Ex: Plans de acción ou emerxencias contra especies invasoras en zona Ria de Pontevedra que aquí non son especies en perigo de extinción e se o son nalgunhas zonas de Europa).

3.- Control e mellora ambiental: Implementar accións específicas para a redución de verteduras e fontes de contaminación que afectan á calidade das augas e, por extensión, á viabilidade dos recursos do mar. Impulsar e solicitar de maneira única e constante a execución eficaz de plans de saneamento polas institucións locais e facelo desde a práctica do dialogo e a comunicación constante para apoiar a protección e a sustentabilidade dos recursos pesqueiros e os nosos bancos marisqueiros.

4.- Formación e capacitación profesional: Consolidar programas de formación continua para o sector, con especial atención a sustentabilidade, a innovación e o coñecemento da normativa vixente. Impulsar mesas de traballo habituais para o fomento da adaptación dos permisos e a formación para adecuala á realidade actual do sector.

5.- Fomento da innovación produtiva: Promover e seguir impulsando proxectos piloto de repoboación, sementeiros e diversificación de especies que contribúan a garantir a sustentabilidade a medio e longo prazo.

6.- Trazabilidade e calidade diferenciada: Reforzar os sistemas de control e certificación que permitan garantir ao consumidor a orixe, a calidade e a singularidade do marisco da ría de Pontevedra para poñer en valor o noso produto.

7.- Valor engadido e comercialización: Impulsar estratexias e campañas de información ao consumidor que valorice o produto local e as marcas galegas, potencie accións conxuntas de promoción, canles curtas de comercialización e sinerxias co sector turístico e gastronómico para incrementar o valor do produto.

8.- Participación inclusiva na xestión: Garantir a presenza activa e o recoñecemento do colectivo de mariscadoras nos órganos de decisión e nos procesos de deseño e avaliación de políticas.

9.- Investigación aplicada e cambio climático: Reforzar a colaboración con universidades e centros de investigación para anticipar e mitigar os impactos do cambio climático sobre os ecosistemas marisqueiros, así como, potenciar mesas de traballo e seminarios multisectoriais como foros de que impulsen a unidade colectiva do sector e aúnen esforzos en prol dunha viabilidade e sustentabilidade conxunta da actividade marisqueira reforzando o seu impacto en demais sectores económicos de impacto.

1 0.- Axenda común de sustentabilidade: Establecer unha folla de roteiro consensuado, con obxectivos medibles e revisables anualmente, que asegure a sustentabilidade ambiental, económica e social do marisqueo na ría de Pontevedra. Solicítase para iso impulsar a realización de xornadas técnicas globais e unificadas en Galicia para fomentar a unión, a acción conxunta e o coñecemento actualizado da realidade do sector para impulsar accións e proxectos presentes que impliquen a todo o sector do mar de Galicia en prol dunha viabilidade e sustentabilidade futura de todos os recursos marítimo-pesqueiros.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio