Un plan de humanización e conexión entre Raxó, A Granxa e Areas, unha plataforma Smart City e o edificio do novo mercado de Sanxenxo.
Co obxectivo de promover un desenvolvemento urbano sustentable e de compartir estratexias territoriais, Sanxenxo e Poio concorrerán mañá cun Plan de Actuación Integrado “Sanxenxo e Poio Sustentables 2039: Unha ría de oportunidades” a unha axuda europea de 8.110.475 euros. O tres proxectos incluídos no plan son o mercado de abastos de Sanxenxo (6.065.164 €), un plan de mobilidade e conexión entre Raxó, A Granxa de Abaixo e Areas (777.546€) e dúas plataformas Smart City/Praias, unha para Poio (767.764 €) e unha para Sanxenxo (500.000 €). Do total, o 60% sería sufragado con fondos Feder e o 40% con fondos propios.
Plan de humanización, mobilidade e conexión entre Raxó, A Granxa de Abaixo e Areas
Os obxectivos do Plan de humanización, mobilidade e conexión entre Raxó, A Granxa de Abaixo e Areas veñen marcados pola necesidade de mobilidade e accesibilidade ao núcleo da Granxa, e a conexión co Concello de Poio no seu bordo marítimo, no núcleo de Raxó, favorecidos pola apertura dun viario no chan urbanizable SU 8 de Sanxenxo, que linda no seu cara sur coa Granxa, e que conecta directamente coa estrada provincial PO-308. Ao mesmo tempo, esta posible vía de continuidade co viario do chan urbanizable permitiría a conexión de até seis praias contiguas de ambos concellos. Esta actuación supón tamén unha posta en valor do turismo e do patrimonio histórico e cultural. Trátase de aproveitar a ocasión de favorecer a mobilidade do núcleo, da praia e do bordo parece unha actuación idónea para este enclave, hoxe en precario. Ao mesmo tempo preséntase a posibilidade dunha accesibilidade universal a puntos hoxe case inaccesibles.
Plan Smart City, Smart Praias e Smart Sport
Preséntase como unha oportunidade para optimizar o tráfico e a mobilidade, aliviando a conxestión e mellorar a conectividad interna e entre municipios, ao mesmo tempo que se impulsa o sector turístico, potenciando a visibilidade dos seus atractivos naturais e culturais. Ademais, tamén permitirá fomentar o deporte como ferramenta para promover a cohesión social e mellorar a calidade de vida dos habitantes. Por parte do Concello de Poio contémplase a implantación dunha plataforma de Smart City, con tres eixos principais: tráfico, turismo e deportes.