Poio despunta en Fitur como destino para os 365 días, con gastronomía, camiño, natureza, deporte… “e moito máis”

23/01/2025

O espazo promocional do municipio, instalado na avenida principal de Ifema, atrae a numerosos asistentes na xornada inaugural da Feira Internacional de Turismo.

O sector turístico de Poio foi o centro de moitas miradas na xornada inaugural de FITUR 2025, a Feira Internacional de Turismo que se celebra en IFEMA Madrid desde hoxe ata o domingo 26 de xaneiro.

O espazo promocional permanente instalado polo Concello na avenida principal do recinto, xunto ao pavillón de Galicia, atraeu a atención de numerosos asistentes con imaxes de catro dos principais atractivos do destino: “gastronomía, natureza, deporte, camiño de Santiago… e moito máis”, como recordou o alcalde, Ángel Moldes, que encabeza a delegación municipal xunto á concelleira de Turismo, Rocío Cochón e que hoxe ‘desvelou’ simbólicamente o expositor.

Poio reforza así a súa presenza na feira líder de turismo, despois da boa acollida en 2024 do vídeo “Tambo, embarcamos?” e as actividades programadas no expositor de Galicia, na que foi a primeira presenza do concello en Fitur con personalidade propia.

“O ano pasado Poio tivo unha presencia histórica en Fitur, con esa presentación no stand de Galicia na que tivemos a oportunidade de presumir de todo o potencial do noso municipio na maior feira turística do mundo. E este ano Poio, como non pode ser doutro xeito, volve ter unha presencia destacada cunha campaña publicitaria exclusiva do Concello de Poio que vai recibir aos 250.000 visitantes de Fitur no acceso ao pavillón 9. Unha campaña publicitaria potente, con catro imaxes que resumen algunhas das experiencias que envolven as estancias no noso municipio”, destaca Moldes.

Así, Poio invita aos visitantes a “saborear” a súa gastronomía líder, “sentir” a emoción da peregrinación polas variantes xacobeas que atravesan o concello, desfrutar da oferta deportiva, que este ano incorporará a saída dunha etapa de La Vuelta, e a “desconectar” nas paisaxes que converten ao municipio nunha referencia do turismo natural e sostible. En resumo, como explicou Moldes, a descubrir “un destino único que os recibirá cos brazos abertos, independentemente de onde veñan e de cando nos visiten. Busquen o que busquen, atoparano en Poio”.

Entre as actividades previstas este ano logo de ‘inaugurar’ o espazo promocional, destacan as reunións que Moldes e Cochón manterán con empresas, medios e distintos axentes do sector. Tamén a asistencia este mércores a actos como a presentación da campaña de Turismo de Galicia para 2025 ou o evento “Salnés slowbusiness” que terá lugar na Casa de Galicia en Madrid. Ademais, Rocío Cochón participará tamén en diversas reunións e actividades ao longo do xoves, 23, como a presentación da Campaña de Turismo Rías Baixas “Cando volves?”, entre outras.

Ademais de no expositor municipal, os visitantes a Fitur poderán obter información sobre Poio no mostrador do stand de Galicia, onde cada ano é un dos destinos máis demandados. Así mesmo, terá un especial protagonismo no stand de “Pueblos Mágicos de España”, rede da que forma parte desde hai varios anos.

“Despois dun 2024 con fitos importantes, queremos afianzar os bos resultados acadados e seguir avanzando como un destino cada vez máis diversificado e internacional, sostible e de calidade en calquera momento do ano”, indicou Moldes.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio