POIO DELEGA NO ORAL A XESTIÓN E RECADACIÓN DAS MULTAS DE TRÁFICO

14/01/2024

2024.

O Concello de Poio xa ten delegadas no Oral, órgano dependente da Deputación de Pontevedra, a xestión da recadación das multas de tráfico que impoña a Policía Local. Esta delegación inclúe a colaboración na tramitación do procedemento sancionador en materia de tráfico, así como a recadación das multas. 

Ata este momento, o Concello de Poio tiña este servizo privatizado nunha empresa externa. “Este é un cambio de tendencia en Poio, que conta cun importante listado de servizos privatizados. Desde o novo Goberno estamos tomando decisións tendo en conta cales son as situacións máis vantaxosas para concello e para os nosos veciños”, explica a concelleira de Seguridade Cidadá, Maritxe González.

Este cambio, engade, ofrecerá unha situación máis vantaxosa tanto para o concello como para a veciñanza, tanto no aforro para as arcas municipais como na simplificación da tramitación. Así, explica que cunha recadación estimada de 180.000 euros anuais en multas, o importe do servizo do ORAL sería de 25.000 euros, case a metade do custe que tivo para o Concello de Poio a privatización do servizo durante os últimos anos.

O Goberno trasladou esta proposta ao pleno en outubro de 2023, acordo que foi aprobado por unanimidade de todos os grupos municipais, e que foi aceptado pola Deputación de Pontevedra no pleno provincial de decembro. A delegación na Oral é efectiva xa desde este mes de xaneiro.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio