Poio dá un paso máis cara a un urbanismo “útil, accesible e transparente” co primeiro Inventario de Camiños

07/03/2026

Ángel Moldes expresa a satisfacción de poder comezar a traballar con documento “tremendamente útil para todos: administracións e particulares, técnicos e veciños”, e destaca que o inventario de camiños enlaza coa estratexia modernizar e facer máis accesible un área complexa como o urbanismo e “poñelo ao servizo da xente”.

O Concello de Poio vén de recibir o borrador definitivo do primeiro Inventario municipal de camiños, unha ferramenta clave que estará a disposición de técnicos e veciños para coñecer con precisión a rede viaria pública do municipio.

Esta semana, técnicos da empresa “PROCAT Ingeniería y Medioambiente“ instalaron a versión provisional do documento para a súa revisión e uso en probas por parte dos responsables e técnicos municipais. Ademais, entregaron copias do documento en versión impresa ao alcalde, Ángel Moldes, á concelleira de Urbanismo, Rocío Cochón, e aos distintos departamentos.

O inventario será presentado para a súa aprobación inicial polo Pleno e, posteriormente, someterase á fase de exposición pública, co obxectivo de que os veciños poidan revisar o documento, comprobar posibles omisións ou presentar alegacións antes da súa aprobación definitiva.

Este traballo é o resultado de varios meses de recompilación de documentación histórica e técnica, elaboración de planos, análise cartográfica, reunións cos traballadores municipais e traballos de campo nos que tamén se tiveron en conta as dúbidas e peticións trasladadas pola veciñanza. Logo de examinar o documento, o rexedor expresou a súa satisfacción por poder dispoñer xa dunha ferramenta “tremendamente útil para todos”, xa que permitirá saber con claridade cales son os camiños públicos e poder planificar con garantías, tanto desde a administración como por particulares ou empresas.

O inventario recolle información completa sobre a totalidade da rede de camiños de titularidade municipal, cun sistema moderno e dixitalizado, e inclúe unha ficha individualizada de cada camiño con fotografías, planos, coordenadas xeográficas e información legal asociada. Toda a información será accesible á veciñanza, con utilidades como xeración de informes, documentación e planos.

Moldes explica que, con frecuencia, “que un camiño sexa público ou non é a diferenza entre poder construír unha vivenda ou non, ou entre desenvolver un proxecto ou non facelo”, polo que contar con información clara e completa supón “unha maior seguridade” para a cidadanía.

Por último, destaca que co proceso de aprobación do Inventario de Camiños, Poio segue dando pasos cara a un urbanismo “útil, accesible e transparente”. Este documento enmárcase nunha estratexia sostida de modernizar e facer máis accesible un área complexa como o urbanismo, con outras ferramentas como co Visor Urbanístico, que acumula máis de 8.200 visitas desde o seu lanzamento e outras políticas para “poñer o urbanismo ao servizo da xente”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio