Destinan 360.000 euros do plan +Provincia para abonar tanto facturas do anterior mandato como do último semestre do ano, que non se puideron ter un orzamento esgotado desde o mes de maio. “A xestión económica feita por este Goberno no último ano foi eficiente e responsable e pagando todas as débedas que nos deixaron conseguimos evitar situacións como a dalgún concello da provincia que tivo que ser intervido por Hacienda”, sinala Ángel Moldes.
O Concello de Poio convoca un pleno extraordinario para o vindeiro martes, 16 de xullo, que permitirá destinar 359.189,24 euros para pagar todas as facturas que aínda están pendentes do exercicio 2023, facturas que quedaron sen pagar no anterior mandato e outras que non se puideron abonar antes ao ter un orzamento esgotado desde o mes de maio. Deste xeito, segundo subliña o alcalde, Ángel Moldes, “sanearemos as débedas con preto de 90 provedores, a maior parte deles, autónomos locais aos que agradecemos a paciencia, empatía e colaboración que amosaron desde o primeiro momento”.
Para facer fronte a estes pagos, o Concello de Poio destinou 359.189,24 euros do plan +Provincia, renunciando deste xeito a utilizar eses cartos para facer “investimentos que serían moi necesarios para o noso municipio”. Nesta liña, explica que “a xestión económica feita por este Goberno no último ano foi eficiente e responsable, a prioridade era pagar todas as débedas que nos deixaron para evitar situacións como o dalgún concello da provincia, como pode ser o caso de Redondela, que tiveron que ser intervidos por Hacienda hai uns días polos seus impagos. O destino de Poio, de non ser pola xestión económica e responsable que fixemos, sería o mesmo, con todos os graves prexuízos que conleva para o municipio e para a veciñanza”. Nesta liña, recorda que do anterior mandato quedaron máis de 1,2M€ en facturas no caixón, “que conseguimos ir pagando con moito esforzo”, as partidas do orzamento sen cartos e débedas cos bancos por importe de 8M€.
Por último, sinala que dentro da relación de facturas pendentes do mandato anterior inclúense a construción de muros de contención en Arís, autobuses para as excursións a Tambo, revisións da ITV desde o ano 2022 ou da Primavera en Poio. E, con respecto ás facturas do último semestre do ano que se acumularon por falta de orzamento, practicamente a totalidade corresponden a gastos e subministros de mantemento de maquinaria e espazos municipais, aglomerados, xestión enerxética, desbroces, organización da programación das festas do Mar, Ameixa, Samaín ou Nadal, posta a punto dos colexios, dos parques e xardíns… “Aínda que a maior parte das partidas do orzamento estaban esgotadas desde maio, era necesario seguir co funcionamento do concello e prestar á cidadanía os servizos municipais. E xestionamos con responsabilidade e eficiencia, a alternativa sería paralizar o concello”, engade.
Unha vez aprobada esta relación de facturas no pleno do martes, o pago aos provedores será inmediato.