Está composta por cinco persoas, que completan os medios e recursos da Xunta de Galicia. É un dos poucos concellos da comarca que contará con este servizo durante o verán.
O Concello de Poio dá un paso adiante na loita contra os incendios forestais e convértese no primeiro municipio da provincia en ter en funcionamento este verán unha brigada municipal propia de prevención e defensa contra o lume. Este servizo, que se desenvolve en colaboración coa Consellería do Medio Rural, ten como obxectivo reforzar e optimizar os recursos dispoñibles fronte aos incendios forestais.
A brigada está composta por cinco persoas. Entre as súas funcións inclúense labores de vixilancia, intervencións directas en caso de incendio e a realización de tratamentos preventivos tanto de xeito manual como mecanizado. A maiores, o Concello de Poio tamén contratou a tres condutores de vehículo motobomba.
Con este dispositivo, Poio convértese non só no primeiro concello da provincia en activar este servizo municipal, senón tamén nun dos poucos da comarca que contará cunha cuadrilla operativa durante o verán. Esta brigada vén a complementar os medios autonómicos despregados pola Xunta de Galicia, como o helicóptero, outras brigadas forestais e os recursos que estarán dispoñibles para facer fronte a posibles emerxencias en caso de que se produza un incendio.