Ascende a 14,3M€, contempla a primeira redución de impostos das últimas décadas, blinda a calidade e prestación duns servizos públicos e infraestruturas de calidade e reduce a débeda viva do concello en máis de 860.000€. “É un documento planificado, que parte da análise das necesidades e prioridades da veciñanza e que vai permitir que Poio continúe crecendo con estabilidade e con maior confianza e oportunidades”, explica Ángel Moldes.
O Goberno do Concello de Poio presenta para o ano 2025 un orzamento “social, realista e pensado nas persoas”. O documento, que ascende a 14,3M€, inclúe de xeito equilibrado a totalidade dos ingresos e gastos previstos e respecta o obxectivo de estabilidade orzamentaria: “é un documento planificado, que parte da análise das necesidades e prioridades da veciñanza e que vai permitir que Poio continúe crecendo con estabilidade e con maior confianza e oportunidades”, sinala o alcalde, Ángel Moldes.
Así, indica que “é un orzamento dun Goberno único, un documento responsable, cuxo obxectivo é, exclusivamente, adoptar as medidas e ofrecer os servizos que contribúan de xeito directo a mellorar a vida da cidadanía e a calidade na prestación dos servizos públicos municipais, pero tamén permite poñer os cimentos de proxectos e infraestruturas fundamentais para os próximos anos”.
O orzamento, que se aprobará no pleno deste mes, fará efectiva tamén a primeira redución de impostos e taxas municipais das últimas décadas, concretamente nos recibos dos vados e das viñetas dos coches, así como maiores bonificacións que van beneficiar a máis familias numerosas nos recibos do IBI. “Somos coherentes, responsables e seguimos cumprindo co noso programa de Goberno, convertendo as nosas promesas en feitos con medidas que axudan ás familias e alivian a súa presión fiscal”.
Un modelo que, indica Moldes, é posible “grazas á xestión económica feita no último ano, xestionando todas as áreas con moito traballo, planificación, responsabilidade e eficiencia, facendo máis con menos”. Nesta liña indica que, ademais, o Concello de Poio vai reducir ao longo de 2025 a débeda viva en máis de 860.000 euros, pasando de 7,9M€ a 1 de xaneiro de 2025 a 7M€ a 31 de decembro.
Por áreas, Benestar Social reserva 1,55M€, entre os que se inclúen as axudas de emerxencia social, a atención ás persoas dependentes, asistencia social, axuda no fogar, Educación Familiar, Centro de Información á Muller…. Para cultura, educación e festexos, a partida ascende a 1,4M€, entre as que se inclúen a programación anual do Concello de Poio, o mantemento dos centros de ensino e das instalacións municipais, axudas para os comedores, plan músico cultural, a organización de eventos lúdicos e festas, entre outros. Deportes conta con 450.000€, nos que se continúa apostando polo deporte base, o mantemento das instalacións, organización de eventos deportivos… Mantéñense tamén as axudas e subvencións a entidades, clubs e colectivos sociais, educativos, deportivos, culturais, veciñais… para organización e desenvolvemento de actividades ao longo do ano, qeu se outorgan tanto por concorrencia competitiva como de xeito directo e que “amosan o apoio deste Goberno a todo o tecido asociativo do concello, fomentando a igualdade, equidade e participación”.
No caso de Medio Ambiente, o orzamento inclúe unha partida de 480.000€, para lixo e xestión de residuos, 1,7M€ e para obras, servizos e urbanismo, reservan 5,9M€. O gasto corrente e o persoal manteñen practicamente o mesmo nivel de investimento que no exercicio anterior (7,4M€ e 4,7M€), para garantir así a prestación e a calidade de todos os servizos públicos municipais.
Con respecto aos investimentos, ademais dos 134.260,68 euros que reserva para inversións directas con fondos municipais, Moldes recorda que hai que engadir outros “investimentos moi importantes” para infraestruturas e servizos que van mellorar de xeito directo o benestar da cidadanía, posto que para 2025 o Concello de Poio conta “con moito financiamento” externo doutras administracións, principalmente da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra que non están incluídos neste orzamento. Refírese, por exemplo, a que no documento non están incluídos nin os investimentos do Plan +Provincia ou Plan de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra, como tampouco os investimentos xa anunciados pola Xunta de Galicia para este 2025, como poden ser as actuacións arqueolóxicas en Tambo, o proxecto na PO-308 entre A Barca e o Casal de Ferreirós, a senda na PO-303 en Samieira, no polígono de Fragamoreira, a creación do Centro de Atención Temperá de Poio ou melloras nos centros de ensino, entre outros proxectos.