POIO CONSOLÍDASE COMO UN DOS CONCELLOS DA BISBARRA CON MENOS ENVELLECEMENTO POBOACIONAL, CON MÁIS DO 49% DOS HABITANTES POR DEBAIXO DOS 44 ANOS

12/01/2024

2023.

O concello de Poio segue a consolidarse como un concello dinámico e de futuro no que á media de idade da poboación se refire. Así o reflicten os datos do Instituto Nacional de Estadística (INE) correspondentes ao ano 2022, nos que se constata que practicamente a metade dos e das habitantes no municipio son menores de 44 anos. En concreto, a porcentaxe é do 49,1%, sendo a máis alta de toda a bisbarra dentro desta franxa. A día 31 de decembro do 2022 Poio contaba con máis de 8.500 habitantes por debaixo dos 45 anos.

Os tramos cun maior número de integrantes son os correspondentes aos 40 e 44 (1.546), seguidos polos de entre 35 e 39 (1.066) e as crianzas de entre 10 e 14 (973). Tamén se quedan moi preto do milleiro os mozos e mozas de entre 15 e 19 anos (925). Poio é o concello de toda a bisbarra de Pontevedra e de parte doutras comarcas próximas que máis preto queda do 50% neste índice, seguido por Barro (48,2%) e a capital de provincia (46,6%). Xa máis lonxe sitúanse outras localidades veciñas coma Meaño e Sanxenxo. O alcalde, Luciano Sobral, considera estes datos moi positivos, dado que “veñen a confirmar que Poio segue a ser unha vila cunha boa calidade de vida e con servizos garantidos e unha dinamización económica e social en crecemento, polo que as familias e as que as novas xeracións poden establecerse aquí de xeito definitivo”.

O rexedor incide tamén no importante de manterse nestas porcentaxes nun contexto no que a situación demográfica experimentou un descenso en toda Galicia. No caso de Poio, nos últimos anos séguense a rexistrar máis de 100 nacementos de media. “Existe unha estabilidade que non é doada atopar noutros concellos na actualidade”, apunta o alcalde Sobral. Neste sentido, cómpre lembrar que o Concello de Poio agasalla cunha ‘Caixa de benvida’ ás crianzas que nacen no municipio. Esta iniciativa está promovida pola Concellería de Dinamización Lingüística, dirixida pola nacionalista Raquel Rodríguez, a través dunha subvención ofrecida pola Deputación de Pontevedra, co obxectivo de promover a creación, mantemento e reforzo da normalización lingüística do idioma. “Con esta iniciativa queremos promover o uso do galego entre os cativos e cativas xa desde unha idade moi nova”, apunta Rodríguez Alonso.

Así, a finais de cada mes o Concello de Poio envía unha carta aos pais e nais que acaban de ter un fillo, na que se lles explica que esta ‘Caixa de benvida’ inclúe dous libros para crianzas de idades inferiores a tres anos, ademais dun doudou e unha bolsa de merenda. A maiores, a estas familias se lles ofrece a posibilidade de formar parte dun grupo de difusión, a través do cal o departamento de Dinamización Lingüística achega información vencellada á organización de eventos e actividades lúdicas en galego pensadas para cativas e cativos, como poden ser ludotecas, contacontos ou espectáculos de maxia, entre outros.

Poio, un concello cun crecemento consolidado no que vai de século

Luciano Sobral amósase satisfeito por estes datos, nun momento no que Poio está consolidado como un dos concellos das Rías Baixas nos que o aumento de poboación está a ser unha constante no que vai de século. A última actualización de datos por parte do INE cifra en preto de 17.300 o número de persoas empadroadas no municipio, marcando así un novo teito histórico. “Desde que superamos a barreira dos 17.000 habitantes no ano 2018 o aumento foi periódico, o que se amosa que esta é unha vila atractiva e con gran potencial”, conclúe o líder do equipo de Goberno.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio