Poio consolida unha baixada histórica do paro e reforza o seu modelo de emprego local

13/01/2026

Maritxe González destaca que a estratexia municipal combina orientación, formación gratuíta e contacto directo co tecido empresarial. Realizáronse máis de mil atencións personalizadas e impartiuse formación gratuíta clave de acceso ao Graduado en ESO e capacitación dixital, así como cursos sectoriais que permitiron a inserción laboral de case 7 de cada 10 alumnos.

O Concello de Poio encadea desde o ano 2023 unha baixada continuada do desemprego, acadando en 2025 os niveis de paro máis baixos dos últimos anos, segundo recolle a Memoria do Servizo de Orientación Laboral municipal.

A evolución dos datos confirma unha tendencia claramente positiva: mentres en 2023 a taxa de desemprego situábase no 10,28%, en 2024 descendeu ata o 9,53% e, en 2025, os primeiros rexistros sinalan un 8,64%, chegando no mes de xullo ao 8,15%, o nivel máis baixo recente do municipio. En termos absolutos, ese mes o número de persoas desempregadas reduciuse ata as 664, consolidando unha mellora real e sostida do mercado laboral local.

Este descenso do paro susténtase, segundo explica a concelleira de Promoción Económica, Maritxe González, nun modelo de orientación laboral intensiva e personalizada, nun diálogo e escoita continuada co tecido empresarial e nunha clara aposta pola formación gratuíta en sectores estratéxicos. “A combinación de orientación personalizada, formación axustada ás necesidades reais do mercado laboral e colaboración directa coas empresas sitúa a Poio como un referente en políticas activas de emprego. Esta estratexia vese avalada pola redución continuada do paro desde 2023 e por taxas de inserción moi superiores á media”, valora a concelleira.

Así, destaca medidas pioneiras como o Servizo de Intermediación Laboral, que reforza a conexión directa entre persoas demandantes de emprego e empresas do municipio, axilizando os procesos de contratación e mellorando o axuste entre oferta e demanda. Un servizo que cubriu 8 de cada 10 ofertas de emprego xestionadas, consolidando a confianza do tecido empresarial local no servizo municipal.

Durante o ano 2025 realizáronse tamén 1.049 atencións personalizadas de orientación laboral. Ademais, desenvolvéronse 264 itinerarios personalizados de inserción, reforzando un acompañamento real e efectivo cara o emprego.

A isto engádese unha aposta decidida pola formación das persoas en situación de desemprego, entendida como unha ferramenta clave para mellorar a cualificación profesional, favorecer a estabilidade laboral e anticiparse ás necesidades reais do mercado de traballo.

Entre eles, inclúese o curso preparatorio de Graduado en ESO e Competencias Clave, que se desenvolven en colaboración coa Asociación Rexurdir, que facilitan o acceso a certificados de profesionalidade que eliminan barreiras formativas. No ámbito das competencias dixitais, impartíronse cursos de nivel básico, intermedio e avanzado -este último con 200 horas formativas-, reforzando a empregabilidade nun mercado laboral cada vez máis dixitalizado.

A maiores, impartiuse formación sectorial gratuíta en colaboración coa Fundación Acción contra El Hambre, orientada a sectores con demanda real de emprego e que acadou resultados moi significativos en inserción laboral: o 67% de inserción no curso “Atención ao cliente en supermercado”; o 63% en “Limpeza hospitalaria e de edificios”; e o 60% en “Auxiliar de carnicería e charcutería”.

“Desde o Goberno local traballamos para consolidar Poio como un concello de oportunidades, atraendo investimentos, dinamizando a actividade social e económica que permite crear emprego e mellorando a calidade de vida da cidadanía”, conclúe.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio