Ángel Moldes entregou esta mañá a Caixa Benvida aos trece bebés nados entre xaneiro e marzo no municipio.
Poio consolida o seu crecemento poboacional, ao alcanzar os 17.443 habitantes segundo a revisión do padrón municipal aprobada este mes, e que recolle as modificacións que tiveron lugar durante o pasado ano en nacementos, defuncións, altas e baixas. Como resultado de todas estas variables, Poio volve superar o seu tope histórico, consolidándose como un concello en crecemento, un lugar atractivo que as familias escollen para establecerse e, por iso, o obxectivo do Goberno é seguir mellorando servizos e infraestruturas para mellorar a calidade de vida e benestar da cidadanía e, deste xeito, continuar sendo referencia. De todas as persoas empadroadas no municipio a 31 de decembro de 2024, o 49% son homes (8.545) e o 51% mulleres (8.898).
Así o sinalou esta mañá o alcalde, Ángel Moldes, durante o acto organizado polo Concello de Poio para dar a benvida aos bebés nados no primeiro trimestre do ano, entre xaneiro e marzo. Moldes recibiu aos trece bebés e ás súas familias para dárlles a benvida e facerlles entrega “dunha caixa que simboliza a aposta deste Goberno polas familias e polos servizos que contribúen a mellorar a vosa calidade de vida”, explicou
Nun salón de plenos ateigado cos bebés, os seus pais, irmáns e algún avó, Moldes agradeceu a todos que aposten por este concello para establecer os seus fogares e crear os seus proxectos de vida. “Estamos empeñados e traballando para converter Poio nun lugar cómodo para nacer, para crecer, para vivir… Queremos que sexa un concello con oportunidades, dinámico e con servizos de calidade”, engadiu, ao tempo que recordou algunhas das iniciativas e medidas impulsadas polo Goberno para apoiar ás familias, como por exemplo, a bonificación do IBI entre o 40 e 90% para as familias numerosas, a posta en marcha da Unidade de Atención Temperá de Poio, as axudas para reducir o prezo do comedor escolar, os espazos concilia durante os meses de verán con máis de 1.000 prazas, a creación de novas áreas lúdicas e de lecer, unha programación cultural anual atractiva e variada…
Por iso, trasladou os mellores desexos a Aisa, Enzo, Dylan, Izar, Evan, Mía, Brais, Elif, Carlota, Óscar, Máximo, Nora e Juan e ás súas familias, aos que entregou unha caixa benvida, un pequeno agasallo que inclúe contos e outros produtos infantís para os coidados da primeira etapa. “Un nacemento é sempre un motivo de ledicia e de orgullo. Para as familias é un momento único e especial. E para o noso concello, estes nacementos significan vida, crecemento e futuro… Porque entre todos construímos Poio. E as familias, en todas as súas variantes e no termo máis amplo da palabra, xogades un papel fundamental para garantir ese futuro e ese crecemento”, subliñou.
Un crecemento que en Poio se está manifestando ano tras ano e así o confirman as cifras oficiais. Desde xuño de 2023, o Goberno local xa fixo entrega de un total de 113 caixas benvidas a outros tantos bebés nados neste período e ás súas familias.
RESUMO DO PADRÓN MUNICIPAL
A poboación de Poio pasou de 17.424 habitantes a 1 de xaneiro de 2024 a 17.443 en decembro dese mesmo ano. A maior parte dos novos empadroamentos, son de persoas que cambiaron a súa residencia desde outros concello, demostrando que Poio continúa espertando interese noutras vilas e atraendo a moita xente. Así, o 76% das novas altas producidas ao longo de 2024 no padrón son de persoas que cambiaron a súa residencia desde outros municipio. Respecto aos cambios de domicilios dentro de Poio, en total rexistráronse 380 alteracións.