Poio consegue fondos provinciais para recuperar a contorna e mellorar a mobilidade entre Casalvito e O Padrón

02/03/2025

O proxecto, que supera os 720.000 euros, inclúe renovación do pavimentado, plataforma única, dotacións de servizos, iluminación LED, sinalizacións e soterramento da instalación de subministros.

O Concello de Poio realizará obras para recuperar o entorno tradicional e mellorar a mobilidade peonil entre Casalvito e Padrón a través do Plan Extra da Deputación de Pontevedra. O Concello consegue así fondos provinciais para un proxecto que permite executar unha actuación integral que vai a mellorar a calidade de vida dos veciños, ademais de dar unha maior seguridade para os peóns e crear novas zonas de comunicación con Combarro de xeito máis seguro e como alternativa á P0-308.

O proxecto, que supera os 720.000 euros de investimento, inclúe melloras nas rúa Cela e na rúa Padrón, na parroquia de Combarro, e na travesía de Casalvito, en San Xoán, e os seus tres ramais para convertelos en espazos máis accesibles e seguros, ao mesmo tempo que se poñen en valor estas zonas. Así, inclúese a renovación do pavimentado en toda a superficie de intervención, eliminando todas as barreiras arquitectónicas e creando unha plataforma única, dotación de servizos, iluminación LED, soterramento de instalacións de subministros e sinalización.

Estas rúas conectan as parroquias de San Xoán e Combarro, con grande interese tanto veciñal, para servizos sanitarios, alimentarios…, como turístico, ao situarse ao carón do casco histórico de Combarro e ser paso da variante espiritual do Camiño de Santiago. Mellora tamén o acceso á praia do Padrón, así como do conxunto histórico e pon en valor este espazo utilizando materiais máis sensibles coas contornas tradicionais, onde existen elementos con grande interese cultural e patrimonial, como son os cruceiros, lavadoiros…

O Concello de Poio aposta deste xeito por un modelo de crecemento respectuoso cos valores paisaxísticos e culturais, co patrimonio tradicional e acorde co modelo de vida da veciñanza, facilitando deste xeito a convivencia e a mobilidade poñendo o espazo público ao servizo das persoas.

Unha vez conseguidos os fondos para executar o proxecto, o Concello de Poio xa está traballando na redacción dos pregos de contratación das obras para poder inicialas canto antes.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio