Ángel Moldes e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, descubriron unha escultura “que simboliza a aposta do Goberno local polas familias e polos servizos que contribúen a mellorar a súa calidade de vida”.
Música, escuma e moitas familias con gañas de descubrir e disfrutar da remodelación do parque infantil do parque Costa Xiráldez, en Lourido. Unha nova área de xogos con inspiración mariñeira que se inaugurou esta tarde con festa da escuma e a animación de Javi Solla.
No acto participaron o alcalde de Poio, Ángel Moldes, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, así como representantes de colectivos locais, que descubriron tamén unha escultura que, segundo explicou Moldes, “simboliza a aposta do Goberno local polas familias e polos servizos que contribúen a mellorar a súa calidade de vida”. Elaborada pola Escola de Canteiros de Galicia, situada en Poio, representa unha nai abrazando ao seu fillo.
O proxecto contou cun investimento de 154.275 euros, executados con fondos propios a través dunha operación de crédito que, segundo recordou o alcalde, “non contou co apoio da oposición, pero que serviu para saldar unha débeda e un compromiso coa veciñanza”: crear un espazo de lecer seguro, accesible, atractivo e inclusivo, inspirado na identidade costeira de Poio.
Durante a súa intervención, Moldes destacou que Poio é un concello cunha importante presenza de familias mozas, unha realidade que, segundo sinalou, leva ao Goberno local a priorizar e reforzar servizos e recursos orientados ao seu benestar. Neste sentido, lembrou iniciativas como a unidade de atención temperá, a mellora dos servizos de conciliación, alivios na presión fiscal ou a ampla programación cultural, deportiva e de lecer que se desenvolve ao longo de todo o ano.
O alcalde subliñou ademais que a renovación e creación de parques infantís forma parte dos compromisos adquiridos polo Goberno local. “A mellor satisfacción é comprobar como estes espazos se están convertendo en puntos de encontro para as familias e en lugares de xogo seguros, atractivos e diferentes para os nenos e nenas”, afirmou.
Moldes puxo como exemplo o parque de Ánkar, inaugurado hai uns meses, que cada tarde reúne a numerosos rapaces e rapazas. “Queremos que cada zona de xogos teña personalidade propia e ofreza experiencias únicas”, engadiu.
A nova área infantil ten como elemento central un faro, símbolo característico da costa galega, que integra tres tipos de tobogáns con plataformas a distintas alturas, ademais de accesos mediante ramplas de escalada e unha rede túnel.
O espazo complétase con estacións de xogo a nivel de solo orientadas á exploración cognitiva, ao xogo simbólico e á experimentación sensorial, tanto auditiva como táctil. Trátase dun conxunto de elementos adaptados a diferentes idades e capacidades, favorecendo o uso inclusivo e a participación do maior número posible de nenos e nenas.
Xunto ao faro instaláronse tamén columpios con distintos tipos de asento —convencional, para bebés e tipo niño, adaptado para menores con mobilidade reducida—, así como xogos xiratorios, balancíns, camiños exploradores e outros elementos inspirados no mar.
“O noso obxectivo é que todos os nenos e nenas poidan gozar destes espazos en igualdade de condicións, favorecendo o xogo compartido e a integración”, concluíu o alcalde.
