“Son decisións importantes que marcan unha tendencia e, desde logo, este é o camiño que iniciamos e imos continuar nos anos próximos”.
O Concello de Poio bonificará o Imposto de Bens Inmobles ás familias numerosas a partir do próximo ano. Así o anunciou o alcalde, Ángel Moldes, á Asociación Galega de Familias Numerosas, coa que se reuniu esta semana “para reafirmar o compromiso deste Goberno con elas”.
Así, explicou que este mesmo mes trasladarán ao pleno municipal unha proposta para modificar a ordenanza fiscal reguladora do IBI, concretamente o apartado 4 do artigo 6, para aplicar unha bonificación do 40% da cota íntegra do imposto ás residencias habituais das familias numerosas empadronadas no municipio. Unha medida da que, explicou Moldes, se beneficiarán máis de 200 familias que residen en Poio a partir de 2025.
Nesa reunión, na que participaron o presidente da Asociación Galega, Luis Sánchez, e o delegado por Pontevedra, Vicente Domínguez, Moldes sinalou que o Goberno é consciente de que investir nas familias é investir no futuro do concello, e por iso aposta por impulsar medidas que favorezan o respaldo a todas as familias que residen en Poio, e en particular ás numerosas.
Nesta liña, o alcalde asegurou que desde o Goberno están traballando para dar pasos cara diante para converter Poio nun concello familiar, con políticas e medidas para facer que sexa un lugar para que as familias se establezan, vivan e fagan a súa vida. Moldes indicou que a pegada do novo Goberno xa se está percibindo, e puxo como exemplo que unha familia numerosa con tres fillos aforrou este verán preto de 600 euros en medidas de conciliación grazas aos Espazos Concilia gratuítos do Concello de Poio, e recordou que este Goberno tamén aprobou a primeira redución de impostos e taxas das últimas décadas, que comezarán a notarse nos próximos recibos. Ademais, avanzou que pronto se sumarán novos anuncios de redución de impostos, que xa se están estudando desde os servizos económicos municipais.
“Son decisións importantes que marcan unha tendencia e, desde logo, este é o camiño que iniciamos e que imos continuar nos anos próximos”, engadiu o alcalde.
Así, recordou que a folla de ruta é o compromiso asinado con estas asociacións hai uns anos, e que incluía “medidas xustas, realistas e necesarias” para dar apoio ás familias numerosas e atender ás súas peticións. Entre estas medidas inclúense, por exemplo, beneficios fiscais para as familias numerosas, servizos que favorezan a conciliación familiar, mellora das zonas de lecer e ampliación da programación infantil ou familiar. “Estamos facendo realidade os nosos compromisos coas familias”, engadiu.
Pola súa banda, desde a Asociación Galega salientaron que o Concello de Poio demostra con este anuncio o seu compromiso co benestar das familias e amosou a súa disposición a seguir traballando xuntos.