Poio Bike Club, Lorena Nieto e Javi Rodríguez, premios San Xoán 2025 ao deporte

13/06/2025

Tamén hai mencións especiais para deportistas locais en categoría feminina, masculina e equipos pola súa traxectoria e logros esta tempada. Os premios e recoñecementos entregaranse o domingo 22 de xuño, coincidindo coa lectura do pregón das festas do San Xoán.

O Consello Municipal de Deportes do Concello de Poio vén de anunciar os galardoados cos Premios San Xoán 2025 ao Deporte, uns recoñecementos que este ano recaen en Poio Bike Club, polo seu labor na promoción e práctica do ciclismo no municipio; Lorena Nieto, na categoría feminina, polos seus éxitos nacionais e internacionais en kaiac polo; e Javi Rodríguez, na categoría masculina, tras consolidarse como xogador na Primeira División co RC Celta de Vigo.

Ademais, na última reunión que celebraron hai uns días, o Consello tamén acordou facer unha mención especial e recoñecer o esforzo e os logros a diferentes deportistas e equipos locais pola súa traxectoria ao longo desta tempada. Os premios e recoñecementos entregaranse o domingo 22 de xuño, coincidindo coa lectura do pregón das festas do San Xoán na Praza do Concello.

Así, na categoría feminina, recibirán esa mención especial Sabela Martínez ( Campioa de España sub18 en campo a través, subcampioa de España sub18 800 metros e Campioa de España sub18 en 2000 obstáculos), Inés Arosa (subcampioa do mundo de kaiak polo sub-21), Carolina Santos Villalón (campioa galega de media maratón), Sofía Martínez (xogadora do Poio Pescamar convocada pola selección española sub-15) e Candela Baúlo Viñas (campioa galega base infantil).

Na categoría masculina, os distinguidos son Anxo Filgueira (subcampión de España sub18 de lanzamentos longos martelo), Cristian Fernández Nieto (3º Acuatlón no World Triathlon Multisport Campionship), Diego Piñeiro (3º Mundial maratón C1), Manuel Expósito (campión galego individual pickleball) e Álex Meira (campión no European Transplant Sports Championship).

Con respecto aos equipos, entregarase ese recoñecemento aos equipos Atlético Combarro, Combarro Veteranos, Infantil Combarro, Fútbol Base Poio equipos xuvenil A e B e infantil A, equipo cadete do Saraiba Ximnasia Rítmica e Poio Pescamar, nas categorías biberón, filial feminino e prebenxamín. En todos os casos destacan os ascensos, campionatos ou traxectoria amosada durante a tempada.

A maiores, o Consello Local de Deportes decidiu ter un recoñecemento especial cara a Subida á Escusa, que este ano celebra a súa vixésimo quinta edición e á escudería Buxa Motor. Finalmente, entregarase un premio a título póstumo a Pablo Hinojar, quen fora seleccionador español de ximnasia acrobática, como homenaxe ao seu legado e implicación no deporte.

Os criterios que se tiveron en conta á hora de facer a elección dos premiados nas diferentes categorías son a situación actual das diferentes modalidades, entendendo as limitacións e características de cada unha; a superación de resultados de anos precedentes; valoración por éxito individual e colectivo; logros a nivel provincial, autonómico, estatal, europeo ou mundial; consecucións de logros non acadados en anos anteriores; ascenso a categorías superiores; representacións de deportistas locais en clubs de primeira liña; recoñecemento do traballo, voluntariedade, promoción e implicación como eidos fundamentais para fomentar o deporte no noso municipio, así como fóra del; e número de licencias das diferentes modalidades deportivas.

PUNTO DE PARTIDA A SEIS DÍAS DE FESTA COAS MELLORES ORQUESTRAS

O San Xoán de Poio é unha das citas máis esperadas e emblemáticas do calendario festivo local, que se celebrará do 22 ao 27 de xuño. Arrancará o domingo, coa lectura do pregón a cargo da veciña do Sartal Pilar Martínez Soto e coa entrega dos premios ao Deporte.

Dende o Concello de Poio apóstase firmemente por escoller como pregoeiras a persoas cunha vinculación real e directa co municipio e coa tradición do San Xoán, para poñer en valor a xente de aquí, veciñas e veciños que, de forma directa ou indirecta, contribúen a manter viva a identidade e a memoria colectiva do pobo.

Unha xornada na que, ademais, o Grupo Azabache será o encargado de organizar a verbena no Campillo do Mosteiro, unha tradición que se recuperou hai un ano para poñer en valor os bailes que se organizaban no pasado.

Varias das orquestras máis destacadas de Galicia actuarán en Poio nas festas do San Xoán. O luns 23, na noite de San Xoán, a verbena da Seca estará protagonizada por outra orquestra local, Ritmo Joven, mentres que o martes 24 será a quenda de Mirabar e La Ocaband. O mércores Os Satélites e París de Noia serán os encargados de poñer a música na Seca, mentres que o xoves, día 26 actuarán Capitol e Marbella.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio