Poio avanza na licencia para autorizar a construción dun supermercado Lidl en San Salvador

10/06/2025

Ángel Moldes: “Estamos a percibir un interese cada vez maior por parte de empresas privadas que valoran a estabilidade institucional, a axilidade administrativa e a planificación estratéxica que se está a impulsar desde este Goberno”.

O Goberno local trasladou esta mañá á Comisión informativa de Urbanismo o expediente para que Lidl constrúa o seu primeiro supermercado en Poio. O seguinte paso será aprobar a licencia definitivamente na Xunta de Goberno da próxima semana e, a partir dese momento, a empresa xa pode iniciar as súas obras, que prevén que comecen despois dos meses de verán.

O establecemento construirase en San Salvador, concretamente na avenida Encoirados número 21, nunha parcela cunha superficie de 7.982,71 metros cadrados. Segundo explica o alcalde, Ángel Moldes, “a implantación do primeiro supermercado Lidl no noso concello é, sen dúbida, unha magnífica nova para toda a veciñanza porque supón unha oportunidade moi importante para a xeración de emprego, para dinamizar o comercio local e para o desenvolvemento económico de Poio”. Por iso, sinala que desde o primeiro momento puxéronse a traballar, da man dos técnicos municipais, “de forma decidida para desbloquear esta iniciativa, ofrecer unha solución viable e facer posible este proxecto”.

A construción deste Lidl en Poio supón un investimento que supera os 6M€ e a creación de máis de 30 postos de traballo. O local, que terá unha superficie construída de 2.335 metros cadrados, destinarase para venda de artigos do fogar e alimentación, cunha zona de tránsito de mercancías e 115 prazas de aparcamento para clientes. O acceso á parcela plantéxase desde a PO-308, mediante a execución dunha glorieta, para a que xa contan coa resolución favorable da Axenda Galega de Infraestruturas.

“A chegada de Lidl non é un feito illado, senón que se inscribe nun contexto máis amplo de reactivación económica e de atractivo crecente do noso concello para o sector empresarial. Estamos a percibir un interese cada vez maior por parte de empresas privadas que valoran a estabilidade institucional, a axilidade administrativa e a planificación estratéxica que se está a impulsar desde este Goberno. Todo isto confirma que estamos a avanzar na dirección correcta, consolidando a imaxe de Poio como un lugar de oportunidade”, conclúe.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio