Avanza a conversión da Gardería de Campelo nun Centro de Día co cambio de uso urbanístico da parcela

22/04/2024

Despois da compra da parcela, é necesario cambiar o uso urbanístico para que poida acoller “ese servizo tan demandado polas persoas maiores de Poio e os seus familiares” e negociar investimentos con outras administracións “para facer realidade ese centro de día canto antes”.

O Concello de Poio continúa dando pasos para a posta en marcha dun Centro de Día para maiores no municipio, agora co cambio de uso da parcela da antigua Gardería de Campelo, tras asinar o alcalde, Ángel Moldes, a súa compra a principios de ano.

A proposta, que se debaterá en comisión esta semana antes de ser levada ao pleno, é unha esixencia urbanística que permite dedicar un equipamento público a outro uso sen modificar o PXOM. Neste caso, fará que o edificio poida dedstinarse a fins asistenciais e acoller este servizo tan demandado polas persoas maiores de Poio e os seus familiares. Unha vez o cambio de uso estea aprobado polo pleno, o alcalde Ángel Moldes sinala que seguirán traballando co resto das administracións para achegar investimentos de cara a implantar o servizo.

A parcela, de case 2.000 m² de superficie, conta cunhas instalacions de 629 m², é accesible e está situada nunha contorna e ubicación inmellorables: “Temos a oportunidade de aproveitar un equipamento sen actividade e proporcionar un apoio esencial para as persoas maiores usuarias e as súas familias”, destaca.

“Recuperar este edificio para facer o Centro de Día estaba nos noso programa de Goberno”, indicou, “pero tamén o está e o seguirá estando poñer aos veciños e ás familias de Poio no centro da xestión municipal”. Nese sentido, recordou que recursos como os Centros de Día supoñen “ atención, agarimo, actividade e socialización para as persoas usuarias pero tamén apoio e desafogo para as súas familias”.

Nesta liña, subliña a importancia de adaptar os equipamentos e servizos á realidade demográfica do concello, xa que máis do 20% dos veciños de Poio teñen máis de 65 anos, e hai 1.000 veciños de máis de 80 anos, case o 6%. “O urbanismo e os proxectos teñen que estar ao servizo dos veciños para mellorar a súa vida e converter Poio nun concello mellor para vivir, independentemente da idade ou das circunstancias sanitarias, familiares e sociais”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio