2024.
O Concello de Poio contará en 2024 cun orzamento que ascende a 14,7M€ e que responde a catro piares fundamentais, segundo explicou o alcalde Ángel Moldes: “o benestar e atención ás persoas, a mellora da calidade dos servizos públicos do noso concello, optimizar ao máximo os recursos económicos dos que dispoñemos para facer máis con menos e reducir a importante débeda que soporta o noso concello”.
Foi durante o pleno ordinario do mes de decembro, que se celebrou onte e que permitiu que o orzamento saíse aprobado inicialmente cos votos a favor do grupo de Goberno. “Estamos ante un orzamento realista, responsable e prudente, unha folla de ruta viable que se adapta á realidade económica do nosos concello”, explicou. Nesta liña, asegurou que “é un orzamento de transición, porque está condicionado pola situación económica que hai neste concello, que é unha realidade que non se pode obviar. Débense moitos cartos a moitas persoas. Así que, este é un documento necesario para facilitar un cambio de rumbo e avanzar, sen cargas, que aposta por uns servizos públicos de calidade para veciñanza e que contribuirá á dinamización da actividade económica de Poio”.
APOSTA POLOS SERVIZOS SOCIAIS E O TECIDO ASOCIATIVO LOCAL
Por áreas, os Servizos Sociais e Igualdade reservan 1,56M€, entre os que se inclúen as axudas de emerxencia social, a atención ás persoas dependentes, asistencia social, Centro de Información da Muller, servizo de educación familiar, programación de actividades e outros servizos. Para Cultura e Educación destínanse 958.085 euros, entre as que se inclúen partidas para mantemento dos centros escolares, axudas para os comedores, programación cultural para todo o ano, o plan músico cultural, mantemento de instalacións… mentres que para Festexos destínanse 373.710 euros, para Medio Ambiente 519.129,91 euros e Obras e Servizos 542.259,43 euros. A partida de deportes conta con 461.796,16 euros, nos que se continúa apostando pola actividade deportiva, o deporte base, o mantemento de instalacións, organización de eventos… Aumentan as axudas a entidades, clubs e colectivos sociais, educativos, deportivos, culturais e organización de eventos lúdicos, unhas axudas que ascenden a 295.739,36 euros e que amosan o apoio do Goberno a todo o tecido asociativo do concello fomentando a igualdade, equidade e participación.
Con respecto ao capítulo de persoal, recóllense a creación dunha nova praza de administrativo para dar resposta a unha sentenza xudicial que obriga a contratar como indefinido a un traballador, “modelo da política de emprego do PSOE e do BNG”. Unha situación totalmente oposta ao que acontece coa praza de coordinador de proxectos e atención cidadá, explicou o alcalde, porque neste caso conta co informe xurídico favorable emitido pola secretaría e, ademais, financiarase completamente cunha parte do que o tripartito gastaba en autobombo e propaganda. “É comprensible, había tres gobernos e tres proxectos, e por iso necesitaban o triple do que gastan outros concellos”, ironizou o rexedor.
UN PRÉSTAMO PARA SEGUIR PAGANDO DÉBEDAS DO TRIPARTITO
Durante a súa intervención, Moldes afeou á oposición “a irresponsabilidade de criticar un préstamo que está destinado a saldar as débedas que deixou o Tripartito. Estamos pedindo un préstamo aos bancos para pagar os pufos que deixaron a autónomos e pequenos empresarios. Gastaron os cartos que non había nun intento desesperado por sumar votos semanas antes das eleccións municipais e agora temos enriba as consecuencias. Claro que non nos gusta deberlle cartos aos bancos, pero menos nos gusta comprobar o mal que o están pasando algunhas persoas porque o concello non paga o que lles debe”. Por iso, esixiu “maior seriedade porque as consecuencias do seu despilfarro sen límite o están pagando os veciños de Poio”. Neste senso, preguntou á oposición cal era o seu plan: “que nos expliquen eles, que son os que deixaron estes pufos que agora estamos pagando con moito esforzo… Cal era o seu plan? Canto tempo estaban dispostos a deixar tirados a todos eses provedores, autónomos e pequenas empresas? Íbades pagar as vosas débedas? Ou íbades deixar no caixón os máis de 1,2M€?”. Unhas facturas que, indica, “triplican o orzamento que o concello destina en todo un ano para a área de deportes. Non é unha cantidade menor”.
Ademais, aclarou tamén que en Poio vai haber investimentos este 2024, e recordou que este orzamento “é un punto de partida”, porque non se incluíron nin as achegas que vai recibir do plan +Provincia da Deputación nin os proxectos que van chegar a través doutras administracións que se irán incorporando ao longo do ano 2024. “O orzamento é un documento moi importante para o concello, pero máis importante aínda é ver como se vai executar ao longo do ano, e aí vai estar a grande diferencia entre o despilfarro do Tripartito e a xestión deste Goberno. Demostraremos que se pode facer moito máis con menos recursos, controlando o gasto”.
PRIMEIRA BAIXADA DE IMPOSTOS DO MANDATO
No pleno tamén se aprobou a primeira rebaixa de impostos e taxas deste mandato, e a primeira tamén dos últimos 19 anos. “É un día importante, porque marca un antes e un despois na política impositiva deste concello”, indicou o alcalde que, recordou, que esta é a primeira baixada, pero que en canto consigan abonar as facturas pendentes a autónomos e pequenos empresarios, seguirán reducindo os recibos. Así, neste pleno aprobaron rebaixar un 5% o impostos de circulación e a taxa dos vados. E os impostos que aínda non se rebaixan, se conxela, é dicir, non se aplica a subida do IPC.
“Queremos que os nosos veciños teñan uns impostos xustos, que deixen de pagar os recibos máis caros da provincia, e por iso, no primeiro semestre desde que collemos o Goberno, facemos xa realidade esta primeira baixada. Cando todos os concellos da contorna están subindo impostos e taxas, nós imos á inversa e comezamos a cumprir o noso compromiso”.
En resposta á oposición, Moldes dixo entender “o malestar e a frustración que senten porque un Goberno acabado de chegar é quen de facer en seis meses o que eles foron incapaces de aprobar en dúas décadas de subidas nos recibos”. Por iso, asegurou que “isto é xestión, o que vostedes faciades era despilfarro e descontrol no gasto público”.